Redacción •  Galicia •  26/03/2024

Ana Miranda traslada a Pepe Mujica o agradecemento polo seu apoio ao BNG

A eurodeputada do BNG foi recibida polo expresidente uruguaio e a exvicepresidenta Lucía Topolansky.

Ana Miranda traslada a Pepe Mujica o agradecemento polo seu apoio ao BNG

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo un encontro co expresidente de Uruguai, Pepe Mujica, no marco das xornadas de traballo desenvolvidas pola política nacionalista en Bos Aires e Montevideo, que incluíron reunións coas colectividades galegas e coa xuíza Servini a razón da Querela Arxentina contra os crimes do franquismo.

No encontro mantido con Mujica, -no que tamén participou a exvicepresidenta de Uruguai, Lucía Topolansky-, Miranda trasladou ao expresidente o agradecemento de parte da Portavoz Nacional do BNG polo seu apoio continuo ao Bloque, transmitido ao longo dos anos de continuos contactos e reunións. Ademais, na reunións abordaron diversas cuestións da política internacional actual, como o terrible xenocidio que sofre o pobo palestino a man do exército sionista de Israel. Trátase dun tema polo que ambos senten unha gran preocupación e no que coincidiron en destacar a necesidade dun alto ao fogo inmediato. Igualmente, consideraron inadmisible o bloqueo de axuda humanitaria por parte de Israel no paso fronteirizo de Rafah, que está provocando terribles casos de desnutrición e morte por fame e sede.

Recoñecemento de ACAMPA

Por outro lado, Ana Miranda fíxolle entrega a Pepe Mujica a escultura que lle concedeu a Rede Acampa pola Paz como recoñecemento polo seu traballo en defensa dos dereitos humanos e que foi recollida pola propia eurodeputada galega o pasado mes de xuño na Coruña. “Para min é unha honra entregarlle este recoñecemento a unha persoa como Mujica, sempre defensor da paz e os dereitos humanos”, manifestou Ana Miranda. Ao respecto, o expresidente Mujica respondeu cun fondo agradecemento a Galiza por elixilo para concederlle este recoñecemento e recoñeceu estar fondamente conmovido. “Tómoo como unha homenaxe a moitos compañeiros anónimos que xa non están e nos acompañaron”, manifestou o exvicepresidente.


José Mújica /