Redacción •  Galicia •  16/03/2022

Galicia en Común pide ao MITECO que “desestime” o parque eólico do Nordés polos impactos no sector pesqueiro e no medioambiente

Gómez Reino: “As afeccións á actividade pesqueira e ás economías locais por parte deste tipo de proxectos son graves e inxustas. Se non protexemos aos ecosistemas mariños, non estamos a protexer ás familias.

Galicia en Común pide ao MITECO que “desestime” o parque eólico do Nordés polos impactos no sector pesqueiro e no medioambiente

Galicia en Común rexistrou unha batería de preguntas ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) relativas ao impacto medioambiental e no sector pesqueiro do proxecto de Parque eólico mariño flotante Nordés.

O portavoz Antón Gómez Reino, considerou este parque de xeración eólica, que se situaría como mínimo a 30 quilómetros da costa de Coruña, unha “ofensiva ambiental” e agradeceu o traballo das organizacións e parte da sociedade galega que traballa na defensa do territorio e do futuro para o país. O pasado xoves no Congreso dos deputados, o tamén secretario xeral de Podemos Galicia mantivo unha xuntanza con representantes do sector pesqueiro, entre eles, a Federación Galega de Confrarías, a Federación Provincial de Lugo, Confrarías Asturianas e CEPESCA para abordar, entre outras cuestións, a preocupación sobre a eólica offshore.

“De levarse adiante este proxecto podería ter graves afeccións directas e indirectas sobre 31 bancos marisqueiros, 30 caladoiros de pesca e ata 27 das principais especies de interese comercial coas que traballa a frota do caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste na devandita zona”, alega a formación na iniciativa parlamentaria. “Consideramos non é unha zona axeitada para a instalación deste tipo de proxectos por formar parte dun corredor migratorio de aves mariñas e terrestres de importancia continental”, sinala Gómez Reino.

Galicia en Común tamén fixo referencia á incompatibilidade de avanzar nesta tramitación mentres que non estean aprobados os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), e como xa reiterou en varias ocasións, á introducción da actividade pesqueira e acuícola nas actividades de interese xeral, para outorgar zonas de uso prioritario e de alto potencial que deben ser tidas en consideración para estes casos.

“As afeccións á actividade pesqueira e ás economías locais por parte deste tipo de proxectos son graves e inxustas. Se non protexemos aos ecosistemas mariños, non estamos a protexer ás familias”, sinala Gómez Reino. “Son tantas as figuras de protección ambiental próximas a este parque mariño como os impactos ambientais que terían nas mesmas. Non pode existir este desequilibrio entre enerxías renovables e a protección de mares e especies. Queremos unha transición xusta que conte con todas e que antepoña a protección ambiental e das familias que viven dun sector tradicional para o noso país aos intereses das empresas que buscan xerar diñeiro e máis diñeiro”.

Podes ver aquí a nosa iniciativa.