Redacción •  Galicia •  29/02/2024

Alertan que o proxecto Gama de Altri consumirá máis auga que toda a provincia de Lugo

  • Ecoloxistas en Acción denuncia a opacidade da Xunta sobre o proxecto Gama declarado estréxico polo goberno galego.
  • O proxecto da portuguesa Altri, na comarca de Ulloa, precisará dun consumo diario de auga superior ao de toda a provincia de Lugo cando a bacia do río Ulla cada ano vese máis mermada e con maiores restriccións de auga para o consumo humano.
  • Ecoloxistas en Acción pide á Xunta de Galicia que rexeite a solicitude de captación e vertido para o proxecto Gama de Altri.
Alertan que o proxecto Gama de Altri consumirá máis auga que toda a provincia de Lugo

A empresa portuguesa Altri, co apoio da Xunta de Galicia,  pretende construir unha enorme factoria de fabricación de celulosa e textil en terreos agrarios, a menos de dous quilómetros do Camiño de Santiago, na súa ruta do Camiño Francés ao seu paso entre

Palas de Rei e Melide, entre as zonas da Rede Natura 2000 da Serra do Careón, o Sistema fluvial Ulla-Deza e as Sobreiras do Arnego, ao pé das Torrentes do Mácara, do balneario de Pambre e do Castelo de Pambre.

Ecoloxistas en Acción sinala que non semella unha proposta moi axeitada promover para a bacia do Ulla a instalación dunha pasteira que ocupará tanto terreo coma a extensión de Santiago de Compostela. Unha factoría que precisará dun consumo diario de auga superior ao que consume toda a poboación de toda a provincia de Lugo no mesmo día. Auga que terá que obtela da cunca do río Ulla, que cada ano vese máis mermada e con maiores restriccións de auga para o consumo humano.

“Da captación devolverán tres cuartas partes da auga, pero desta auga devolta descoñecese o tipo de tratamento que terá despois do seu uso para os distintos procesos químicos que a pasteira realizará para fabricar fibras textiles e celulosa», denuncia Ecoloxistas en Acción, que ademais asegura que a factoría de Altri  consumiría auga en cantidades superiores ás que demanda a actual fábrica de ENCE en Pontevedra.

Para a organización ecoloxista as verteduras previstas por ALTRI representarán sen dúbida unha multiplicación da carga orgánica e da carga de nutrientes (aínda que se depuren previamente), que ingresan neste sistema de encoros, co que “o problema de eutrofización vaise a multiplicar”. Ecoloxistas en Acción sinala que isto vai acarrexar unha afección ás captacións existentes para o consumo humano, á calidade de auga para o baño, para a vida dos peixes e para o mantemento de todo o ecosistema acuático do Sistema fluvial Ulla Deza.

Lembran que debe terse en conta ademais que esa parte da conca do Ulla sofre importantes problemas de estiaxe (secando algúns anos temporalmente varias canles como o Moreira, Seco e o Ponte Videla), co que a dilución da vertedura será menor..

Para a organización ecoloxista coa Instalación  desta enorme pasteira estariase incumprindo co Plan director do Camiño e coas esixencias das Directivas europeas de protección da Rede Natura 2000 que reciben anualmente milleiros de fondos públicos para a súa conservación e promoción. A ubicación do complexo químico estaría a menos de 2 km do Camiño, da Rede Natura e da cunca do río Ulla. Ademais, sinalan que este proxecto acarrexaría a transformación da paisaxe da contorna do Ulla en enormes plantacións de eucaliptos.

Ecoloxistas en Acción solicita á Xunta a denegación da petición de captación de auga e vertido realizada por Altri a través dunha nobel empresa denominada Greenfiber que creou para a xestión dun proxecto declarado estratéxico. Tamén requiren ao goberno galego que se expoña a información pública o proxecto Gama con todos os informes que teña realizados, para sometelo a avaliación de impacto ambiental sen incurrir en fragmentación.

“A Xunta debe solicitar informe vinculante a alomenos 23 organismos sobre os impactos reais. Ás tres deputacións provinciais con concellos afectados, aos catro concellos con terras de particulares afectados, aos 19 concellos da ribeira do Ulla que poden ver comprometidos os seus recursos económicos e hídricos e ademais a todos os concellos do tramo do Camiño de Santiago que poden verse afectados e incluso posta en risco a declaración de Patrimonio da Humanidade ou que podería supoñer o desvío dese tramo da ruta do Camiño”, destaca a voceira de Ecoloxistas en Acción.

Isabel García insiste en que Augas de Galicia ten competencia para frear este dano ambiental e social, xa que a natureza da vertedura que se tramita entra dentro dos casos de actuacións industriais contaminantes que poden ser limitadas conforme o que establece o artigo 260.1 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico.


Ecoloxistas en Acción /