Redacción •  Galicia •  16/11/2023

A CIG mobilizarase polo mantemento do emprego en Iberdrola e pola aplicación do IPC aos salarios

Desenvolverá protestas este sábado 18 na sede da compañía na Rúa de Valdeorras e no encoro de Montefurado, en Lugo.

A CIG mobilizarase polo mantemento do emprego en Iberdrola e pola aplicación do IPC aos salarios

A CIG-Industria vai levar a cabo unha xornada de mobilizacións este sábado 18 de novembro para reclamar o mantemento do emprego en Iberdrola e a aplicación do IPC aos salarios do persoal da compañía eléctrica. As protestas terán lugar diante da sede da empresa na Rúa de Valdeorras ás 10:30 horas e no encoro de Montefurado, en Lugo, ás 11:30 horas.

Esta campaña reivindicativa da CIG está a ter eco tamén en Euskal Herria da man do sindicato ELA para denunciar que mentres Iberdrola obtivo beneficios récord de 11.800 millóns de euros dende a sinatura do último convenio colectivo e até o terceiro trimestre de 2023 “ao cadro de persoal se nos aplicou unha suba miserábel do 2,11%”. 

A empresa obtivo beneficios récord de 11.800 millóns de euros e subiu os salarios un 2,11%

Por iso as dúas centrais censuran a conivencia dos sindicatos asinantes do convenio coa perda de poder adquisitivo que están a padecer os traballadores/as e reclaman a inmediata aplicación do IPC real aos soldos. “Imos a seguir pelexando para cambiar a política retributiva da empresa e para esixir o mantemento de todos os postos de traballo na nosa terra”, sinalan dende a CIG-Industria.

De xeito que para este sábado día 18 teñen organizada unha xornada de mobilizacións diante da sede de Iberdrola na Rúa de Valdeorras, en Ourense, ás 10:30 horas, e no encoro de Montefurado, que se atopa a escasa distancia aínda que xa na provincia de Lugo, ás 11:30 horas.


oligopolio energético /