Redacción •  Galicia •  23/04/2024

As traballadoras de INDITEX vén recoñecida como enfermidade profesional unha doenza no ombro derivada do seu traballo

A CIG gaña a sentenza que obriga á mutua a pagar a prestación por IT e ao INSS, o TGSS, MUPRESPA, SERGAS e Zara a recoñecer a enfermidade.

As traballadoras de INDITEX vén recoñecida como enfermidade profesional unha doenza no ombro derivada do seu traballo

O xulgado do Social nº 4 de Compostela vén de emitir sentenza favorable á CIG contra MUPRESPA, Zara España S.A., INSS, Tesourería Xeral da Seguridade Social e SERGAS ao recoñecer como enfermidade profesional das traballadoras de INDITEX a patoloxía tendinosa crónica do manguito do rotador.

Segundo explica Carmiña Naveiro, presidenta do comité de Zara e representante da CIG, esta enfermidade “vén provocada polos traballos que realizamos a diario levantando os brazos por enriba do ombro para colocar ou recoller as prendas nos estantes, tanto en tenda como en almacén”.

Naveiro sinala que o propio INSS acreditou no seu informe que “o 90% das nosas funcións diarias consisten nese tipo de movementos repetitivos que acaban desencadeando este tipo de patoloxías”.

Denuncia que a mutua, en ningún momento, “se molestou en comprobar as causas” e que, nin sequera comprobou “as nosas funcións reais ou como se desenvolvía o traballo”, malia as traballadoras acudir, de forma constante, co mesmo tipo de patoloxía.

Por iso a presidenta do comité asegura que “estamos fartas, cada vez hai máis traballadoras con este problema e cada vez que nos presentamos na mutua temos que escoitar que isto é xenético ou que xa o tiñas de antes, poñendo unha escusa para non recoñecelo”.

Denuncia reiterada

Carmiña Naveiro lembra que desde os comités de cada empresa levan anos denunciando os problemas coas alturas e o volume de mercancía e demandando de inditex que adapte as medidas preventivas ou correctoras, tanto en tenda como en almacén para evitar ou minimizar este tipo de lesións porque “ao final quen acabamos pagando as consecuencias somos as traballadoras coa nosa saúde”.

O recoñecemento desta enfermidade profesional supuxo, ademais, unha perda de cartos para as traballadoras, como non recibir a prima de beneficios de febreiro íntegra por estar de baixa cunha enfermidade considerada común e non recoñecida como enfermidade profesional. Isto alén do malestar que provoca para as propias traballadoras por ter que ir a mutua “e aturar malas contestacións e malas caras só para amedrentarnos e que foramos xa directamente á seguridade social con esta doenza.”

Naveiro valora moi positivamente a sentenza. Entende que a partir de aquí a situación cambia. “Xa ía sendo hora de que nos deran a razón. Non se pode permitir que unha multinacional das dimensións e cos beneficios de Inditex, que coñece perfectamente as funcións das súas traballadoras nas tendas, mire para outro lado ante esta situación”.


Inditex /