Redacción •  Galicia •  21/04/2024

A ONU continúa investigando ao Estado español polas denuncias infundadas contra Ecoloxistas en Acción

  • Activistas de Ecoloxistas en Acción reúnense en Bruxelas con representantes da ONU pola investigación aberta polas Nacións Unidas a España ante as denuncias inxustificadas contra a organización ecoloxista.
  • O oficio realizado pola irlandesa Mary Lawlor, Relatora Especial da ONU sobre a situación dos defensores dos dereitos humanos, céntrase en denuncias presentada pola empresa propietaria da mina de San Finx (A Coruña) e pola Cámara Oficial Mineira de Galicia contra activistas de Ecoloxistas en Acción.
A ONU continúa investigando ao Estado español polas denuncias infundadas contra Ecoloxistas en Acción

Activistas de Ecoloxistas en Acción reuníronse estes días, en Bruxelas, no marco duns encontro europeo sobre a represión á activistas, con altos representantes da ONU e defensores dos dereitos humanos para exponerlles a persecución xudicial que sofren por denunciar os graves impactos ambientais e sociais que carrexa o extractivismo mineiro.

A reunión dos activistas coa ONU é un paso máis no oficio realizado pola relatora Mary Lawlor contra o Goberno de España, a Cámara Mineira e a empresa Tungsten San Finx SL. No oficio, asinado conxuntamente pola Presidenta do Grupo de Traballo da ONU sobre dereitos Humanos e empresas transnacionales, Damilola S. Olawuyi, e polo Relator Especial da ONU sobre dereitos humanos e o medio ambiente, David R. Boyd, os representantes da ONU expresan a súa “preocupación ante a causa aberta contra Ecoloxistas en Acción, que tememos que estea baseada nunha denuncia abusiva, iniciada en represalia polo seu activismo pacífico contra os danos ambientais resultantes da mina San Finx”.

A investigación foi aberta pola ONU despois de que a empresa mineira, Tungsten San Finx, SL, denunciase a Ecoloxistas en Acción ante os xulgados de Noia tras unha acción de protesta contra as verteduras da mina. Unhas verteduras polos que a empresa mineira foi sancionada agora pola administración galega cunha multa de 180.000 euros.

A investigación da ONU reflicte que a preocupación se ve amplificada por “anteriores acusacións infundadas que se interpuxeron pola empresa contra Ecoloxistas en Acción e outras organizacións en presunta represalia polo seu traballo pacífico en defensa do medioambiente”, en referencia a outras denuncias presentadas pola mesma empresa mineira e que tamén foron arquivadas pola xustiza.

Inclusión na investigación da condena aos activistas ecoloxistas pola denuncia da Cámara Mineira

A investigación da ONU ampliouse ante a condena imposta a 6 activistas de Ecoloxistas en Acción pola denuncia da Cámara Oficial Mineira de Galicia. Activistas da organización ecoloxista foron condenados por entregar o pasado mes de setembro, na sede do organismo mineiro, varias mostras de auga contaminada procedente das minas de San Finx e Touro.

Coa entrega das botellas Ecoloxistas en Acción saía ao paso das declaracións públicas da Cámara Mineira nas que se afirmaba que “nunca houbo problemas coa calidade das augas” en San Finx. Afirmacións realizadas polo organismo mineiro, a pesar de que as analíticas realizadas por Augas de Galicia o pasado agosto revelaban niveis de cadmio, substancia tóxica e canceríxena, 78 veces por encima do nivel máximo que permite a lexislación. Esas mesmas analíticas levaron á apertura dun procedemento sancionador, incoado por Augas de Galicia, contra a empresa concesionaria da mina.

Ecoloxistas en Acción trasladou aos relatores da ONU que esta recente sentenza busca dar un “escarmento” ao ecoloxismo por atreverse a cuestionar as mentiras do lobby mineiro. Debido a que, aínda que a acción non se demorou máis de tres minutos e foi totalmente pacífica, a xuíza entendeu que é suficiente para condenar por coacción que a directora da Cámara Mineira manifestase que ela sentiu “intimidada’ pola presenza das activistas, argumentando que as pancartas nas que se denunciaba a contaminación podían ser utilizadas como arma e que as mostras de auga das minas podían conter un ácido corrosivo.

Para Ecoloxistas en Acción a protesta popular pacífica contra os abusos de poder, non só é un dereito, senón que ás veces é a única maneira de denunciar os abusos e ilegalidades ambientais. Por iso, trasladaron aos relatores da ONU a súa gran preocupación pola onda de criminalización da protesta pacífica que está a acontecer en España desde distintas instancias xudiciais e policías ao que se suman o uso cada vez máis recorrente de demandas estratéxicas contra a participación pública (SLAPP nas súas siglas en inglés), ata o punto de que a Comisión Europea está a tramitar unha noticia directiva para poñerlles freo.


activismo /