Redacción •  Galicia •  20/07/2016

Alternativa Galega de Esquerda considera que o Consello de Contas debuxa “un país de recortes, débeda e repagamentos”

Os deputados Eva Solla e Ramón Vázquez afirman que os informes do organismo fiscalizador botan por terra a presunta “boa xestión” de Feijóo.

Alternativa Galega de Esquerda considera que o Consello de Contas debuxa “un país de recortes, débeda e repagamentos”

Os informes do Consello de Contas sobre a situación financeira do sector público debuxan, segundo os deputados de Alternativa Galega de Esquerda Eva Solla e Ramón Vázquez, “un país de recortes, débeda e repagamentos”. E faino, engadiron, malia detectar literalmente “información desestruturada e insuficiente”, “ausencia de información global da situación financeira” en palabras de Vázquez, quen compareceu ante a prensa xunto a Solla esta mañá no Parlamento galego.
 
Para Vázquez, o “endebedamento masivo das institucións autonómicas” é o marco que rexe o estado de cousas nun intre en que, lembrou, a renda per cápita galega caeu case oito puntos, e pasou de representar o 89,3% da media europea ao 81,5%. Pagar os xuros da débeda pública constitúe, así, “a terceira consellaría da Xunta. No ano 2014, o último que recolle o Consello de Contas, ascendía a 9.900 millóns de euros, 830 máis que no anterior exercicio. E o avance do propio informe para 2015 cífraa en 10.375 millóns de euros. “Estamos diante do Goberno da débeda”, criticou o deputado de AGE, quen engadiu que o propio Consello de Contas se refire á “insostibilidade” da débeda, “unha situación moi grave que pon en perigo o futuro do país”.
 
Os datos, un detrás do outro, desmenten “o relato do bo xestor do que tanto presume Feijóo”. 12.000 millóns de euros de “compromiso de gasto futuros”, entre eles 2.300 para as concesionarias das autoestradas en concepto dos denominados “peaxes na sombra”; unha enorme caída do gasto social –os comedores escolares, puxo como exemplo, reduciron os orzamentos de 28 a 23 millóns desde 2013-; 10.000 empregos directos menos no pequeno comercio e un plan denominado Ágora “que non funcionou, un exemplo de fracaso das políticas do PP” ou a previsión de caída dos fondos europeos contradín toda a propaganda da Xunta de Alberto Núñez Feijóo. Trinta e cinco entidades públicas da Xunta nin sequera “renden contas”.

A DESFEITA DO SERGAS

Un dos informes do Consello de Contas céntrase no estado do Sergas logo de máis de sete anos de ataques brutais á sanidade pública, universal e gratuíta no intre da prestación por parte do Partido Popular. E, tal e como explicou Eva Solla, faino para denunciar “a limitada capacidade de control e de fiscalización sobre as contas do Sergas”, a “demora na realización de informes rigorosos”, o crecente endebedamento debido ao sistema público privado de financiamento –“sobre todo polo hospital de Vigo pero non só”- ou o aumento do gasto financeiro. Contas tamén critica a “disparidade no financiamento das distintas entidades” adscritas ao Sergas e a ausencia de criterios ao respecto, amais da opacidade das mesmas.
 
“A xestión de Feijóo é desastrosa”, resumiu Solla, “con desaxustes entre o que se anuncia que se vai gastar e o que se gasta finalmente” e o favorecemento constante da presenza da empresa privada na sanidade pública: un 1,4% máis en concertos e o lastre de Povisa, cuxo convenio custa 90 millóns de euros anuais aos orzamentos públicos. O Consello de Contas mesmo chega a esixir medidas para que haxa “eficiencia” no gasto do Sergas e evidencia así, segundo a deputada de AGE, “a mala xestión” dos gobernos de Feijóo na materia.


AGE /  Alternativa Galega de Esquerda /  Consello de Contas /