Redacción •  Galicia •  13/12/2023

Saturación e colapso nos servizos de urxencias do HULA e o CHUAC

Saturación e colapso nos servizos de urxencias do HULA e o CHUAC.

Saturación e colapso nos servizos de urxencias do HULA e o CHUAC

Na mañá deste martes, a CIG-Saúde de Lugo informou que había 12 doentes pendentes de ingreso e de pasar ao servizo de Observación, que na maioría dos casos xa chegaran ao servizo no día de onte, luns,  entre as 21 e as 24h. Pero unha destas persoas levaba agardando unha cama dende ás 16:30 horas de onte.

«A Observación non poden pasar porque ao mesmo tempo tamén están tendo problemas para ingresar as e os doentes que teñen por falta de camas», denuncian. Esta situación dase cando hai unha planta de hospitalización «que só están 10 pacientes ingresados, e non se pode ingresar a máis persoas porque non desbloquean o resto de camas».

O caos nas urxencias, advirte a CIG-Saúde de Lugo, «é continuado e sostido no tempo, con plantas baleiras ou a medio encher e atendendo só a criterios economicistas, por non contratar máis equipos». Critican que as persoas doentes son máis unha vez vítimas das políticas de recortes e desmantelamento da sanidade pública do PP mentres que os traballadores e as traballadoras, «saturadas, sacan o traballo como se pode».

Diante disto, a CIG-Saúde reclama da xerencia unha solución inmediata que garanta para garantir unha asistencia de calidade no HULA.

Falta de planificación da xerencia do CHUAC

De igual xeito, a Comisión de Centro do CHUAC denunciou a falta de planificación da xerencia para atender o incremento no número de pacientes que chegan ao servizo de urxencias, botando man da «improvisación e da profesionalidade do persoal, expoñéndoo a situacións de estrés e sobrecarga».

Explican que a xerencia dobrou as camas do Hospital de Oza sen dotalo de persoal suficiente para prestar a atención. «Falta persoal de enfermería, TCAE e celadoras», alertan.

A isto súmase que a apertura dunha unidade de hospitalización no Abente e Lago sen previsión e contando con profesionais dobrando a súa quenda de traballo. «As camas están triplicadas na terceira planta onde non hai espazo suficiente xa que as habitacións son de dúas camas. Non só non se dotou de máis profesionais para esta situación de sobrecarga senón que ademais non se están a cubrir as ausencias das/os profesionais».

Neste senso, subliñan que resulta habitual que en determinadas circunstancias se incrementen as e os pacientes que acoden a urxencias así como é habitual que cando hai coincidencia con festividades diminúa o número de altas, «polo que a Comisión valora a situación actual como previsíbel e evitábel».

Esta mesma mañá había 13 pacientes nos corredores e case 40 en espera da cama con previsión de empeorar ao longo do día. Por todo isto a Comisión esixe novamente que se aborde un plan de continxencias que evite que cando se incrementa o número de pacientes que acoden a urxencias se colapse o CHUAC.


sanidad pública /