Redacción •  Galicia •  11/02/2024

Noa Presas avanza a construción do novo Centro de Saúde da Rúa como medida prioritaria para o goberno galego do BNG

  • O BNG quere rematar coa discriminación que sofre a localidade valdeorresa e o uso electoralista desta demanda veciñal por parte do PP.
Noa Presas avanza a construción do novo Centro de Saúde da Rúa como medida prioritaria para o goberno galego do BNG

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, e a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, avanzan a construción dun novo Centro de Saúde para a localidade valdeorresa cun goberno do BNG a partir do 18F. Presas e Albert sinalan a necesidade de rematar coa discriminación que sofre A Rúa en materia sanitaria e denuncian o reiterado uso electoralista do PP e os anos de incumprimento pola súa parte.

“O PP nega que non existen problemas na sanidade pública. Mesmo apunta a que a falta de pediatras na Limia ou a falta de especialidades no Hospital de Valdeorras é porque non hai profesionais” denuncia Presas. Nestes quince anos, lembra a cabeza de lista, o Hospital de Valdeorras foise degradando, restándolle autonomía despois da reforma da lei de saúde, tendo persoal que ten aquí para a praza pero que traballa en Ourense”.

Do mesmo xeito, o Centro de Saúde da Rúa foi unha promesa reiteradamente incumprida polo PP, empregándoa única e exclusivamente como promesa electoral –en precampaña ou anunciando a súa construción ante as mobilizacións que foron convocadas- mais nunca fixo nada para facelo realidade.

“A partir do 18F, cun goberno do BNG as demandas da veciñanza do concello da Rúa serán escoitadas e levaremos a cabo a construción do novo Centro de Saúde. Unha infraestrutura que disporá dos recursos necesarios e o espazo suficiente para as novas incorporacións que prevemos dentro do sistema público de saúde” compromete Presas.

Un tempo novo para mellorar a vida da veciñanza da Rúa, con máis diálogo e mellores servizos

“O PP leva facendo campaña electoral da mala co Centro de Saúde da Rúa nos últimos catro anos e, nomeadamente, no último ano” explica a alcaldesa do Concello da Rúa. María G. Albert lembra que na precampaña das municipais o PP anunciou que se iniciarían as obras mais cando perderon a alcaldía deste concello, o Conselleiro de Sanidade deixou caducar a licencia para o comezo das obras e mesmo non contestou ás solicitudes de entrevista pedidas pola alcaldesa.

“Nós seguiremos pelexando para que se constrúa o novo Centro de Saúde e entendemos que a partir do 18F, cun novo goberno na Xunta de Galiza liderado polo BNG, a construción do Centro de Saúde será unha realidade e establecerase outro tipo de comunicación coa Xunta de Galiza” avanza.


sanidad /