Redacción •  Memoria Histórica •  01/12/2022

A corporación de Celanova acorda a retirada do símbolo falanxista do Outeiro da Obra ao abeiro da lei de memoria

  • Aprobada a moción do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova cos votos favorábeis do BNG e do PSOE, e a abstención do resto dos grupos.

  • O alcalde di que non aplicará a norma, malia que o Concello de Celanova ten potestade para facelo, até que o Estado abra o catálogo de símbolos afectados pola lei.

A corporación de Celanova acorda a retirada do símbolo falanxista do Outeiro da Obra ao abeiro da lei de memoria

Vinte un meses despois de que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova iniciase a campaña para a eliminación do símbolo falanxista do Outeiro da Obra,contrario á lei vixente naquela altura (16 de febreiro de 2021), a corporación municipal de Celanova adoptou onte (30 de novembro de 2022) en pleno o seguinte acordo:

Instar ao goberno municipal á retirada inmediata do memorial falanxista do Outeiro da Obra e da placa no edificio da antiga escola de Vilanova dos Infantes como símbolos contrarios á memoria democrática, segundo o disposto na Ley 20/2022, de 19 de octubre, de Memoria Democrática que entrou en vigor o mes de outubro do presente ano.

O acordo foi posíbel grazas a unha moción presentada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que defendeu o portavoz do BNG, Leopoldo Rodríguez, e foi apoiada polas dúas concelleiras do PSOE.

Eses foron os votos a favor (3) diante das 9 abstencións (estivo ausente un concelleiro do PP). O Partido Popular opina que a norma non se debe aplicar até que non se elabore o catálogo de símbolos afectados. O grupo do alcalde, Celanova Decide, opinou o mesmo.

O concelleiro nacionalista que defendeu a moción do Comité advertiu no debate: “Vostedes abstéñense para que sexan outros quen aproben a retirada. Vostede, señor alcalde, podía ter sido o primeiro alcalde que cumprira a lei de memoria ou será o último que non a cumpra”.

Este Comité agradece a todas as persoas e entidades que apoiaron a campaña de retirada do elemento o seu apoio. Vinte un meses despois, o cambio en Celanova é substancial.

En abril de 2021, cando esta mesma cuestión chegou ao pleno municipal, o alcalde consentiu en dar voz a unha asociación denominada Avogados Cristianos que promove un discurso negacionaista e fascista, nun feito inédito nas institucións públicas do país. Daquela, o Comité abandonou o pleno en sinal de protesta e rexeitou falar. Daquela, só o BNG abandonou o pleno cando o Comité, mentres os outros 12 concelleiros permaneceron na sala.

O acordo plenario de onte inclúe ademais as seguintes cuestións:

– A restitución no rueiro e en toda a información e documentación pública oficial “a partir desta data” a denominación de ‘Outeiro da Obra’, e o cambio da sinaléctica do lugar eliminando a denominación actual, contraria á memoria democrática, e incorporando a de ‘Outeiro da Obra’.

– E o compromiso do goberno local de “instalar de maneira urxente e inmediata” un elemento de disuasión permanente e eficaz contra calquera actividade que dane a fachada do Mosteiro no punto no que se localiza a pintada ‘Adiante Semanario’, en canto elemento e lugar de memoria; así como a difundir entre a veciñanza e a cidadanía galega o significado desta inscrición.


símbolos franquistas /