Redacción •  Galicia •  08/04/2024

Solicitan aos concellos da Ribeira do Ulla unha declarción dos dereitos do río

Solicitan aos concellos da Ribeira do Ulla unha declarción dos dereitos do río

Para manter vivo o río Ulla e defendelo das constantes agresións ambientais e ameazas de proxectos contaminantes, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace veñen de solicitar aos concellos da ribeira do Ulla que presenten para a aprobación nos seus plenos municipais unha “Declaración institucional dos dereitos do río Ulla e dos compromisos da súa comunidade ribeirá”. As organizacións ecoloxistas sinalan que o río Ulla debe ter dereito á protección, conservación e restauración dos seus ecosistemas, mediante os instrumentos de planificación e ordenación do territorio dispoñíbeis, para continuar dando vida e benestar ás comunidades humanas e non-humanas que vertebra e acolle.

Na última década ten gañado moito peso o recoñecemento dos dereitos da natureza, establecendo dereitos intrínsecos asociados a diversos ecosistemas. Máis de trinta países teñen adoptado instrumentos lexislativos para o seu recoñecemento, en moitos casos referidos a cursos fluviais como o río Whanganui en Nova Zelandia, o río Ganxes na India, o río Buriganga en Bangladesh ou o río Atrato en Colombia. No caso do Estado español, a Lei 19/2022, do 30 de setembro, para o recoñecemento de personalidade xurídica á lagoa do Mar Menor e a súa conca, recoñeceu por primeira vez en Europa un ecosistema como suxeito de dereitos e non só obxecto de protección do ordenamento xurídico. Recentemente foi en Galiza o Concello de Outes quen realizou unha declaración institucional dos dereitos do río Tins, o primeiro curso fluvial con dereitos no estado español.

As ONGs ambientalistas afirman que o Ulla é un dos ríos máis importantes e mellor conservados de Galicia, sendo un elemento vertebrador do territorio de tres das catro provincias galegas e configurador da paisaxe. Á importancia histórica dos usos tradicionais de rega, abastecemento, moenda e pesca súmase a súa importancia contemporánea para o lecer, celebración e deporte, así como para camiñar cara a unha explotación sustentábel dos recursos non só nas comarcas do interior, senón tamén na ría de Arousa. Igualmente, salientan que o río Ulla e os seus bosques de ribeira asociados son un refuxio natural para aves e multitude de especies acuáticas, moitas de interese comunitario, incluíndo especies ameazadas que teñen nel un hábitat insustituíbel e fundamental para manter o equilibrio ecolóxico do país.

Ademais, as entidades ecoloxistas alertan das continuas ameazas que a ribeira do río e as súas aguas sofren decotío, que orixinan o deterioro e a perda da súa integridade ecolóxica por mor do incremento de elementos industriais descontrolados, verteduras sen supervisión e operacións de acaparamento de terras e auga con criterios exclusivamente de beneficio económico-empresarial. As organizacións denuncian tamén a substitución continua de bosque de ribeira por grandes superficies gañadas polos eucaliptos e o incremento de industrias intensivas en detrimento das extensivas que distribúen a riqueza, a diversifican e son moito máis respectuosas co medio.

A importancia que o río Ulla ten para as comunidades ribeirás e para o conxunto da cidadanía galega xustifica o interese e participación en proxectos que procuren a súa conservación, que motivan a iniciativa cidadá para pedir nunha declaración institucional tanto o recoñecemento de dereitos do río Ulla como ecosistema vivo, como os compromisos que asume a propia comunidade ribeirá e as súas institucións para velar pola preservación dos mesmos.