Redacción •  Galicia •  31/01/2024

Ana Pontón anuncia que mellorará a atención á saúde bucodental incluíndo cambio de dentadura, empastes, limpeza ou prevención

  • Destaca que é un aspecto importante para mellorar a saúde das persoas pero que hai moitos galegos e galegas que non poden permitirse pagar un dentista privado.
  • Compromete un Plan de rescate para a atención primaria de 200 M€ para que o 100% das persoas poidan ser atendidas no seu centro de saúde sen lista de espera.
Ana Pontón anuncia que mellorará a atención á saúde bucodental incluíndo cambio de dentadura, empastes, limpeza ou prevención

30/XAN./24.

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, anunciou en Moaña que un goberno liderado polo BNG ampliará a cobertura da atención á saúde bucodental na atención primaria, incluíndo cambio de pezas e dentadura, empastes, limpezas ou todo o relativo á prevención, cuestións que considerou fundamentais na saúde das persoas.

“Unha das medidas que tomarei como presidenta será ampliar o programa de saúde bucodental de maneira que todas as persoas ao final da lexislatura poidan ir ao seu centro de saúde para poder facerse unha limpeza, un cambio de pezas ou de dentadura, un empaste ou todo o que ten que ver coa prevención neste ámbito”, afondou.

Pontón afirmou que esta é a día de hoxe unha “barreira moi importante” para moitas persoas “que non poden pagarse a súa saúde bucodental” cunha alusión ao dito “pódese saber a clase á que pertence unha persoa mirándolle a dentadura”.

“Queremos que esa barreira desapareza e que todas as persoas teñan acceso á mesma saúde bucodental, con independencia de cales sexan os seus recursos”, recalcou para advertir que, a día de hoxe, os galegos e as galegas gastan  540 euros anuais para pagar servizos sanitarios na sanidade privada, un parte moi importante que maioritariamente están destinados á ou ao dentista.

A líder nacionalista defendeu a posta en marcha da medida para garantir e “normalizar” a atención en materia de saúde bucodental na sanidade pública do País. “Trátase de que a saúde bucodental forme parte da normalidade do noso sistema sanitario e que evitemos as barreiras que hai neste momento porque hai moitas persoas que teñen problemas coa súa dentadura e as súas encías e non poden pagarse ese servizo”, resumiu. 

Pontón avanzou esta medida logo do encontro que mantivo xunto coa alcaldesa Leticia Santos con representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Moaña que leva 113 semanas concentrándose para reclamar a recuperación das urxencias sanitarias neste concello, un servizo que se comprometeu a restablecer despois de que o Goberno de Alfonso Rueda ignorara sistematicamente a demanda da veciñanza.  

A líder nacionalista tamén se comprometeu a reforzar o servizo de ambulancias e recuperar os servizos que Moaña tiña antes da pandemia cubrindo as vacantes de profesionais sanitarios porque, segundo afirmou, “non ten ningún sentido que unha pandemia que puxo foco na necesidade de reforzar a sanidade pública, teñamos un Goberno que o que fixo foi debilitala e facela máis pequena”, con recortes na Atención Primaria que superan os 2.100 millóns nos 15 anos de goberno do PP.  

Fronte ao que considerou “xogar coa vida das persoas”, Pontón apostou de novo por reforzar e recuperar o sistema sanitario público do País, para o que reafirmou o seu compromiso de aprobar nos primeiros días do goberno que aspira a presidir un Plan de Rescate da Atención Primaria dotado de 200 millóns de euros para sacala da “situación crítica” na que se atopa.

Neste sentido, sinalou como obxectivo do BNG “avanzar cara ao que debería ser normal” no sistema sanitario galego que é “que as persoas sexan atendida na Primaria sen lista de espera” porque, segundo subliñou, “a atención directa e inmediata é fundamental para a saúde das persoas”.

“Estas son medidas para mellorar o noso sistema sanitario, son medidas para mellorar a saúde das persoas e son medidas que impulsaremos dende un goberno da Xunta presidido polo BNG”, concluíu.


BNG /