Augas de Galicia •  Redacción •  Galicia •  15/08/2018

Augas de Galicia tilda de «lamentable» o estado do río Portapego contaminado pola mina de Touro

O alcalde do Concello de Touro, Ignacio Codesido, pretende pagar con cargos públicos unha nova canalización do río Portapego debido os constantes colapsos que sofre a rede de saneamento provocados polo depósito de lodos procedentes da mina de Touro.

Augas de Galicia tilda de «lamentable» o estado do río Portapego contaminado pola mina de Touro

A asociación Aldea Viva ven de coñecer un informe de Augas de Galicia, no marco de exposición pública de dita obra, no que os técnicos sinalan o «estado lamentable do cauce natural do regato» como a principal causa dos continuos asolagamentos. É por isto que o colectivo medioambientalista anuncia que presentará alegacións ás obras que pretende levar a cabo o concello rexido polo alcalde popular Codesido, xa que consideran que as arcas municipais non deben asumir os custos da desfeita medioambiental que levou a cabo a propietaria dos terreos da mina, Explotaciones Gallegas. Ademáis consideran que as actuacións propostas non solucionan o problema xa que os lodos mineiros seguirán atascando a rede. Recordan que no mes de Xullo xa denunciaron o gasto de máis de 300000 euros por parte de diferentes administracións en intentar tapar o estado do río que pasa pola capital municipal.

O alcalde Ignacio Codesido e a súa relación coa mina de Touro

Os escándalos relacionados cos terreos mineiros propiedades de Explotaciones Gallegas (máxima accionista de Cobre San Rafael) denunciados por Aldea Viva, son numerosos e teñen todos un punto en común; a connivencia do alcalde de Touro. Segundo narran todo comezou coa urbanización da actual área de servizos de Touro, e que supuxo a desaparición da canle perimetral, que evitaba a saída dos lixiviados da mina cara os ríos, e das balsas de decantación. O silencio e a permisividade do alcalde permitiron os desastres medioambientais que se veñen sucedendo dende aquela, xa que a pesares do coñecemento da situación non denunciou en ningún momento as supostas ilegalidades senón que foi colaborador necesario das mesmas como demostran feitos como o desta nova.


contaminación /  medio ambiente /