En Marea •  Redacción •  Galicia •  10/04/2019

En Marea presenta unha proposición de lei para garantir unha renda social e blindar o dereito á inclusión social

O grupo parlamentario de En Marea defendeu este martes no Pleno do Parlamento unha Proposición de Lei dunha Renda Social Galega destinada a establecer un modelo de renda mínima garantida eficaz, blindando o dereito  á inclusión social, na liña do defendido polo Comité Económico e Social Europeo, no sentido de que proporcione unha “rede de seguridade”, unha “última salvagarda contra a pobreza”, ou da Resolución do Parlamento Europeo do 24 de outubro de 2017. 

En Marea presenta unha proposición de lei para garantir unha renda social e blindar o dereito á inclusión social
En palabras da deputada Paula V. Verao, a proposta responde á vontade de ofrecer «unha acción integral contra a exclusión, comezando por ingresos dignos, e deixando de mirar cara outro lado ante a consolidación dunha bolsa de pobreza e exclusión á que non chegan os mecanismos de protección social».  A Proposición de Lei de En Marea, sinalou Verao, nace cos seguintes obxectivos: ampliar os criterios de valoración da exclusión social,  incluír a situación de emprego precario e as enfermidades mentais, darlle carácter vinculante aos informes sociais das traballadoras sociais, atender especificamente ás persoas sen fogar. 
 
Para a parlamentaria de En Marea a proposta tenta ser unha ferramenta para loitar contra os novos perfís da pobreza. «Nós témolo claro, a RISGA non funciona; tras diálogo e encontros con Traballadores/as Sociais, persoal dos Servizos Sociais Comunitarios, persoas perceptoras de RISGA e colectivos sociais, que confluíron en dúas xornadas organizadas por En Marea en 2018, consideramos esta prestación como unha ferramenta ineficaz», sentenzou, ante de sinalar que «que só chega ao 6,8% das persoas que se atopan baixo o limiar da pobreza».
 
Verao lembrou que entre 2013 e 2016, os datos do IGE confirman que o PIB medrou por riba do que o fixo a renda dos fogares galegos e que en 2018 o único colectivo de ingresos que medrou foi o de quen percibe menos da metade do SMI. E lamentou que «neste contexto, a Xunta vén de facer agasallos fiscais ás 7000 persoas máis ricas do País cos últimos Orzamentos». 
 
Diante desta situación, En Marea con esta proposta pretende elevar a renda social elevando as contías e referenciándoas ao Salario Minimo Interprofesional, facela compatible con outros ingresos e prestacións, ampliar o número de persoas beneficiarias, inclúindo as persoas sen residencia legal.  «Excluír a este colectivo migrante das prestacións faino aínda máis vulnerable do que xa é a situacións de explotación, especialmente ás mulleres», destacou Verao. «Neste sentido, o modelo de renda que propoñemos é tamén un instrumento contra a explotación sexual». 
 
Doutra banda  «ten este proxecto de lei unha disposición final que sinala que se debe despregar progresivamente, poñendo como horizonte mínimo e digno e asumible: cuadriplicar o orzamento da actual RISGA nunha lexislatura». E engadiu a necesidade de elaborar un estudo económico e un mapa social  para calcular  o número e contía das prestacións que serán necesarias, pois, sen el, só podemos achegarnos a datos aproximados, coas estatísticas que teñen que ver coa pobreza.
 
A poboación diana obxectivo da mellora da renda mínima en Galiza serían as 64.023 persoas en situación de privación material severa en 2017. «Falamos de persoas coas súas necesidades, que non poden permitirse unha comida con proteínas cada dous días, que teñen retrasos no pago do alugueiro ou nas facturas da luz, que non poden manter a casa a temperatura axeitada ou que non poden permitirse ter un ordenador, mentres o 1% da poboación galega máis rica acrecentou a súa riqueza», lembrou Verao.
 

En Marea /