Redacción •  Galicia •  08/03/2024

A unidade de reparto de Correos en Lalín continúa coas protestas para esixir máis persoal

A CIG presentou unha batería de preguntas no Senado sobre os plans da empresa pública para esta localidade pontevedresa.

A unidade de reparto de Correos en Lalín continúa coas protestas para esixir máis persoal

A CIG-Correos, xunto cos traballadores/as da unidade de reparto de Lalín desenvolveu onte unha nova mobilización diante das instalacións da empresa pública na localidade para reclamar máis persoal. Trátase da oitava protesta neste emprazamento, ás que hai que engadir as celebradas na Xefatura Provincial de Pontevedra e na Xefatura de Zona en Compostela o pasado mes de febreiro.

Así mesmo a central sindical, a través da senadora do BNG, Carme Da Silva, presentou unha batería de preguntas no Senado para que Correos explique se ten pensado cubrir as deficiencias de persoal nesta oficina e por que razón non se cubriron as vacantes e as baixas que reduciron o cadro de persoal.

Tamén se interpela os responsábeis da empresa pública sobre se coñecen a sobrecarga de traballo existente na unidade de reparto que atende a uns concellos con alta dispersión poboacional, obrigando a realizar rutas con grandes desprazamentos.

Neste senso, pregúntase se Correos é consciente de que non se están a protexer os dereitos dos seus empregados/as, en liña co establecido na Lei Postal e cales son as previsións en relación ao aumento de persoal nas oficinas postais de Galiza, en especial as situadas no medio rural.

Dende a CIG-Correos lembran que os traballadores/as da unidade de reparto de Lalín seguen a reivindicar e a facer pública a necesidade de dotar con máis persoal a quenda de mañá, na que hai catro prazas vacantes, “seccións que teñen que asumir, ao igual que as ausencias por IT que se producen na unidade, ante a falta de contratación por parte da empresa”.

Ao mesmo tempo, salientan o feito de que nas últimas mobilizacións están a recibir o apoio doutras organizacións sindicais, “que participaron nas mesmas sen simboloxía propia, destacando a presenza de representantes de CCOO, UGT, CGT e SL”.

Finalmente, adiantan a súa intención de continuar coas protestas até que as súas reivindicacións sexa atendidas, “que non son outras que a cobertura das vacantes ou o estudo de dimensionamento na unidade”.


correos /