Redacción •  Galicia •  23/10/2021

BNG exixe á Xunta no Parlamento que deixe de apoiar o “Foro La Toja” mentres non respecte o topónimo oficial galego

  • Montserrat Prado censura ao Goberno do PP que se limite a enviar unha cara á organización, no canto de facer respectar o País con contundencia.
  • Cualifica o evento de “provocación” por vulnerar a Lei de Normalización Lingüística e branquear ao poder do espolio enerxético e a estafa financeira.
BNG exixe á Xunta no Parlamento que deixe de apoiar o “Foro La Toja” mentres non respecte o topónimo oficial galego

BNG exixiu hoxe á Xunta no Parlamento galego que retire o seu apoio ao denominado “Foro La Toja”, “en tanto siga deturpando o topónimo oficial galego” e non rectifique a súa denominación pasando a empregar A Toxa, tal e como exixe a Lei de Normalización Lingüística.

Así o reclamou a deputada Montserrat Prado na comisión parlamentaria de Cultura, onde censurou ao Executivo do PP que se limitase a “un intercambio epistolar” coa organización do evento sobre esta grave vulneración do marco legal lingüístico que non conduce a nada, na vez de exercer as súas competencias con contundencia, tal e como lle corresponde ao Goberno galego: “facer respectar o País e actuar politicamente para non permitir este insulto”, demandou.

Logo de recalcar que para o BNG este foro “é unha provocación e un insulto a Galiza” pola aberta vulneración da Lei de Normalización Lingüística e polo “abrazo” que supón ao “poder económico que capitaliza o espolio enerxético e a estafa financeira no País”, Prado reprendeu á Xunta por, no canto de defender os intereses do País, enviar mensaxes no sentido contrario, como participar “e ir a aplaudir” a un foro no que se está agredindo a toponimia, a lingua e a cultura de todos os galegos e galegas, ou retransmitilo en directo pola televisión pública, “cando non retransmiten en directo nin sequera os plenos deste Parlamento”.

“Isto non é soamente un foro, son mensaxes que se lanzan, mensaxes que un Goberno cun mínimo de dignidade non pode permitir”, censurou, para a continuación incidir en que a Xunta “ten que facer algo máis que mandar cartas” e deixar de apoiar e estar presente nun foro que, por riba, é “dun empresario que, aparte de ser condenado polas súas prácticas laborais, recibe cartos públicos, que se non llos concede o Goberno galego, faino o Goberno central e, polo tanto, tamén son dos impostos dos galegos e as galegas”.

Para a deputada nacionalista, “o que tería que facer o presidente da Xunta é deixar de abrazar ao gran capital e reclamar nese foro o fin da estafa bancaria, do espolio enerxético, aos que nos están sometendo a todos os galegos e galegas e rematar co deterioro dos servizos públicos, na vez de apoiar eses comportamentos empresariais compartindo mesa con eles”, nun encontro que supón en si mesmo un “exercicio de ostentación e de desprezo pola toponimia propia de Galiza” e unha agresión “á nosa máis grande sinal de identidade, a nosa lingua”.

“O goberno dun País cun mínimo de querenza polo mesmo baixo ningún concepto permitiría insultos semellantes e estar presentes nun foro que agride deste xeito a nosa lingua”, reprendeu, para concluír que o Executivo Feixóo prefire participar do “branqueo” deste poder económico diante do que se inclina pese ás súas prácticas lesivas para Galiza, na vez de protexer os intereses dos galegos e galegas. “Nin sequera esa anémica lexislación que protexe o noso idioma son capaces vostedes de exixir que se cumpra”, concluíu, logo de recalcar que este feito tampouco sorprende, dado que anos tras ano, os recursos para ás políticas de normalización lingüística van a menos.


Xunta /