André Abeledo Fernández •  Opinión •  10/03/2023

Amador e Daniel, mártires da clase obreira galega. 10 de Marzo día da clase obreira galega

O 7 de febreiro de 1972 se tiña asinado en Madrid, por parte do Sindicato Vertical un convenio interprovincial dos diferentes asteleiros do país. O 8 de febreiro celebrabase en Ferrol unha asemblea de traballadores que se manifiesta en contra da sinatura, convocouse unha nova asemblea para o día 9 do mesmo mes. A resposta por parte da patronal a esta convocatoria é o despedimento de seis dirixentes sindicais.

O 9 de Marzo, ante o despedimento dos dirixentes obreiros os traballadores deciden parar a producción e concentrarse dentro do asteleiro ata que os seus compañeiros fosen readmitidos. En torno as tres da tarde a empresa ameaza aos traballadores co desaloxo policial. Sobre as cinco da tarde a policía entra na factoría e desaloxa aos traballadores pola forza co resultado de máis de vinte feridos. Os choques entre os traballadores e a policía trasladanse as rúas e durante a noite se escoitan os primeiros disparos dos corpos de represión franquista.

As 7:30 da mañá do 10 de marzo os traballadores concentranse diante das portas pechadas do asteleiro de Bazán, uns 4.000 obreiros que deciden dirixirse cara o outro asteleiro da comarca, Astano, para axuntarse aos seus compañeiros de loita. 

Ao chegar ao cruce de As Pías atópanse coa emboscada dos «grises» que disparan sobre os traballadores. Nese momento e nese lugar foron asasinados Amador e Daniel,  os seus nomes quedan dende entón grabados a sangue e lume, Amador Rey Rodríguez e Daniel Niebla García. Tamén máis de 40 feridos, moitos dos cales non acudiron ao hospital por medo a ser detidos. 

Durante varias horas Ferrol quedou en mans dos folguistas, respondendo o gobierno cortando as comunicacións, incluidas as telefónicas, ata que puido concentrar os efectivos necesarios para ocupar a cidade.

Nos días posteriores a solidariedade obreira extendeuse por toda a comarca e por toda a Galiza, parando outras fábricas e respondendo a poboación cun forte apoio aos familiares dos represaliados.

O balance da loita foi brutal: 2 traballadores asasinados, 16 feridos de bala, decenas de feridos por outras causas, 160 despedidos, 60 encarceados e 50 multados con cifras que ian dende as 50.000 pesetas as 250.000, cantidades colosales naqueles tempos.

Nos días posteriores realizaronse numerosas detencións de sindicalistas, militantes comunistas e activistas de distinto signo. Tamén se propuxeron mobilizacións de protesta e solidariedade por Galiza, o Estado Español e a nivel internacional.

Moitos traballadores organizados e conscientes de ser clase obreira, foron encarcelados na prisión militar de Caranza e posteriormente xulgados por un Consello de Guerra e condeados a varios anos de prisión.

Outros foron sancionados con multas e 23 deles foron procesados polo Tribunal de Orden Público (TOP), no coñecido como «proceso dos 23 de Ferrol», que derivou en condenas entre un e cuatro anos. 

Os asasinatos e a violencia policial nos sucesos de Ferrol non derivaron en responsabilidade algunha, nin para os autores materiais, nin para os responsables políticos e policiais.

Honor, xustiza e reparación para Amador e Daniel, que eran obreiros e fillos do pobo.

A mellor maneira de rendir homenaxe aos camaradas Amador e Daniel, e a todos os que sufriron pola man da ditadura franquista é seguir loitando. 

As diversas Reformas Laborais, perpetradas tanto polo PP como polo PSOE, teñen  ido roubando a clase obreira dereitos gañados con sangue, suor e bágoas.

O novo goberno de «progreso» non recuperou, nin pretende recuperar os dereitos roubados.

É importante e necesario aprender como se gañaron, en loitas como a do 10 de marzo de 1972, os dereitos que nos teñen roubado e nos seguen roubando.

O 10 de Marzo debe ser ante todo unha xornada de loita das traballadoras e traballadores para honrar a memoria que o deron todo, ata a vida por defender a dignidade da clase obreira.


Opinión /