Redacción •  Galicia •  27/02/2024

BNG fará unha oposición en positivo para defender no Hórreo o proxecto de País que ilusionou a miles de galegos e galegas o 18F

O Bloque encara a nova lexislatura como alternativa real ao PP co reto de traballar “máis e mellor” en todos os ámbitos e chegar a sectores máis amplos da sociedade.

Luís Bará avanza que o traballo do grupo parlamentario vai estar centrado na mellora dos servizos sociais públicos e no desenvolvemento económico de Galiza.

BNG fará unha oposición en positivo para defender no Hórreo o proxecto de País que ilusionou a miles de galegos e galegas o 18F

O BNG encara a nova lexislatura cunha consigna clara: “traballar máis e mellor en todos os ámbitos” para defender no Parlamento galego o proxecto de futuro para o País co que concorreu ás eleccións do 18 de febreiro, xerando unha “extraordinaria corrente de ilusión” que levou a máis de 467.000 galegos e galegas a depositar nas urnas a papeleta nacionalista.

O deputado electo por Pontevedra e viceportavoz do BNG na pasada lexislatura,   Luís Bará, avanzou este luns que o BNG fará unha oposición “en positivo” de maneira que “por cada crítica haberá unha proposta” para trasladar ao Pazo do Hórreo a “enorme confianza” depositada no Bloque, que enceta a nova etapa no Parlamento moi reforzado e consolidándose como alternativa de goberno ao PP “neste  novo mapa político que ten evolucionado cara unha sorte de bipartidismo”.

Segundo explicou Bará, a ampliación do grupo parlamentario, que pasa de 19 a 25 deputados, xunto á combinación de experiencia e renovación,  permitirá ao BNG facer un mellor labor de control ao goberno e, ao mesmo tempo, facer un traballo “propositivo e construtivo” arredor da “Galiza que vén”, co reto de dar resposta a ese inxente caudal de esperanza depositado no Bloque.

Con ese obxectivo, o BNG seguirá primando no seu traballo parlamentario a defensa dos servizos públicos, como a sanidade, a educación ou todo o que ten que ver cos coidados. Xunto a esta, a outra panca sobre a que se asentará o labor parlamentario será o desenvolvemento económico de Galiza e a creación de emprego de calidade, xunto ao desenvolvemento dos sectores produtivos, o impulso da industria ou a transformación tecnolóxica.

O estilo BNG fronte á manipulación e a mentira do PP

“Este proxecto de futuro defenderémolo e fortalecerémolo co estilo que empregamos na campaña, co estilo BNG, que é un estilo limpo, claro e dirixido á maioría social fronte a un PP cada vez máis ultra e sometido a Madrid”, asegurou Bará, que aproveitou para criticar a “utilización absolutamente perversa”  que o PP fixo do Goberno e dos medios públicos de comunicación durante a pasada campaña, mesmo dando lugar a expedientes sancionadores por parte da Xunta Electoral.

Xunto ao uso de medio públicos, Bará censurou a “utilización absolutamente indecente da calumnia e da mentira que o PP fixo contra o BNG” durante a campaña electoral. “Cando estaba no ambiente a posibilidade de cambio real no País o PP apertou o botón do pánico e tivo que recorrer a procedementos legais e tamén alegais para atacar ao BNG utilizando de xeito totalmente indecente temas como o terrorismo”, afirmou o deputado electo por Pontevedra.

As manipulacións e mentiras do PP antes do 18F demostran que que “o PP tivo que poñer todos os santos en novena porque non as tiña todas consigo” durante unha campaña que afrontou “de maneira errática e caótica” e cun “estilo reactivo e de oposición ao BNG como forza emerxente”.

Bará subliñou que o BNG afondará na liña de traballo emprendida durante os últimos anos baixo o liderado de Ana Pontón, avalada nas últimas citas electorais cun resultados que demostran que “non hai teito para o BNG” e que o futuro pasa por chegar a sectores máis amplos da sociedade.

“O voto prestado non existe”

Referiuse, neste sentido, ao traballo feito nos últimos anos para conseguir novos apoios, que van medrando elección tras elección, resaltou, lembrando que o 18F o BNG pasou de 19 a 25 pero que xa nas eleccións do 2020 conseguira pasar de 6 a 19 escanos. “O voto prestado non existe, porque o voto non é da forzas políticas, senón das persoas”, advertiu, engadindo a continuación que “a confianza hai que gañala e traballala”.

Bará insistiu en que o apoio recibido polo BNG non é “conxuntural” e suxeriu “non facer lecturas simplistas” sobre o transvase de votos nun escenario no que o BNG gañou en torno a 150.000 votos e o PSdeG perdeu 46.000. “O que lle recomendamos ao PSOE é que baixe a realidade, porque os seus resultados son consecuencia dunha traxectoria errática nos últimos anos, da falta de proxecto propio e a súa dependencia de Madrid”, concluíu Bará.    


BNG /