A CIG lamenta que o Goberno español ‘venda fume’ en vez de ampliar os dereitos de conciliación

En xuño de 2024 a CIG mobilizábase diante da Delegación e Subdelegacións para denunciar a estratexia do Goberno do Estado de utilizar a propaganda e a falsidade para xustificar o incumprimento da transposición da directiva europea 2019/1158 de conciliación da vida familiar e laboral.
Daquela, a ministra de Traballo e vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz, manifestaba no propio día que se publicaba o RDL 2/2024 que se fixaba en 28 días o permiso por lactación, independentemente do que se dispoña no convenio. Unha afirmación que, tal e como denunciaba a CIG, “o tempo demostrou que non era certa, como tampouco o foi a retribución do permiso para o coidado de crianzas menores de 8 anos, incumprindo o contido das esixencias marcadas pola directiva europea”.
O acordo validado hoxe no Consello de Ministros e Ministras vai, supostamente, evitarlle ao Estado español ter que facer fronte ao incremento da multa que o TXUE interporía a partires do 1 de agosto.
“Non deixa de ser curiosa a obediencia cega á Unión Europea e ao cumprimento disciplinado nos sucesivos programas de recorte para poder acceder aos plans europeos, mais cando se trata de favorecer a clase traballadora esta obediencia fica nun segundo plano, aprazando ano tras ano a súa transposición”, denuncia a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral.
Critica que a coalición SUMAR-PSOE siga co «intento de lavar a cara” sen asumir a prestación compensatoria vinculada ao goce do permiso parental para «cumprir así realmente cos deberes marcados desde Europa»; mantendo sen retribuír o permiso parental que segue regulado sen modificación algunha no artigo 48 bis do ET; e incluíndo un cambio nos artigos 48.4 e 48.5 que pasan a contemplar 17 semanas de permiso por nacemento e dúas semanas adicionais que se poden usar até que a crianza teña 8 anos (todas a cargo da prestación da Seguridade Social).
No caso das familias monoparentais pásase das 26 semanas actuais a 32, polo que a pesares da ampliación seguen a ter menos dereito que no caso de haber dúas persoas proxenitoras, e deixando fóra posíbeis ampliacións no caso das familias numerosas.
“O Executivo non cumpre coa directiva europea e nin sequera cos seus propios acordos programáticos para a investidura, ficando sen ampliar a extensión do permiso por nacemento até ás 20 semanas”.
Seguen a vulnerarse dereitos
Corral subliña que o Goberno non aclara que poden facer as empresas e administracións que retribuíron as 8 semanas de maneira íntegra por sentencia xudicial nin como van garantir a aplicación retroactiva deste dereito, ao non tocarse a redacción do artigo 48 bis do ET. En calquera caso, matiza a secretaria das Mulleres, a nova norma seguirá obrigando a recorrer á vía xudicial para reclamar a retribución do permiso parental recollido emanado da directiva europea.
O acordo non menciona a ampliación e blindaxe do permiso de lactación acumulado prometido pola Ministra, ou a extensión deste permiso para as crianzas adoptadas ou acollidas que superen os 9 meses de vida. “Mantense o texto que deu lugar a malas interpretacións e á vulneración de dereitos cando o persoal opta por reducir a súa xornada en media hora (pois debería figurar que o dereito é dunha hora diaria); así como a redacción confusa sobre a ampliación deste permiso até os 12 meses para unha das persoas proxenitoras”, explica.
Así mesmo, fica lonxe a extensión da prestación por nacemento e coidado até os 12 meses para cada persoa proxenitora, ou mesmo unha ampliación para os casos de parto (o descanso de 6 semanas é insuficiente bioloxicamente para recuperarse dos cambios dun embarazo) ou para quen aleite de xeito natural as crianzas.
Continúase limitando aos 8 anos da crianza o permiso parental, cando tanto para a concreción horaria como para a redución de xornada o límite está nos 12 anos, obviando a creación dun permiso destas características para quen teña familiares dependentes que requiran deste coidado. “Lembremos que o coidado non está garantido polas administracións públicas, recaendo en exclusiva nas familias, e máis concretamente, nas mulleres”, advirte Margarida Corral.
Pero ademais, no texto non se alude á necesaria modificación da Lei de prevención de riscos laborais, que data do 1995, e que non ten incorporados os riscos aos que se expoñen as persoas traballadoras desde unha perspectiva de xénero, “dependendo de cada empresa a posta en marcha dun procedemento ante o coñecemento do embarazo ou a incorporación ao traballo das persoas traballadoras que aleiten, normativa que ademais debería non depender do que recollan as mutuas na tramitación destas prestacións”.
En definitiva, conclúe a secretaria confederal das Mulleres, “non só temos que facer fronte ás políticas machistas e retrógradas da dereita, senón combater a hipocrisía dos gobernos progresistas máis centrados na propaganda que na defensa dos dereitos de conciliación da clase traballadora en xeral, e das mulleres e persoas xestantes en particular”.