As centrais sindicais avanzan mobilizacións no transporte de mercadorías por estrada da Coruña ante o inmobilismo patronal
ACOTRADES, TRANSCAF e ASCENTRA néganse a negociar a recuperación dos salarios, pagar atrasos e revisión e mellorar a xornada.

As centrais sindicais CIG, UGT e CCOO manifestan que a resposta dada pola patronal formada por ACOTRADES, TRANSCAF e ASCENTRA, ante as propostas da parte social para o novo convenio do transporte de mercadorías por estrada da Coruña “é unha falta de respecto cara a todas as persoas traballadoras do sector”. Denuncian que na última reunión da mesa negociadora, a patronal informou de que a súa única pretensión é tratar unha subida mínima do incremento salarial sen atrasos nin revisión, e non tocar o resto do convenio non tocalo.
A proposta resulta tan miserenta que incluso a aplicación do convenio non sería con carácter retroactivo, senón a partir da firma do mesmo.
Hai que destacar que o anterior convenio colectivo de transporte de mercadorías e loxística de Coruña rematou o 31 de decembro de 2024. As negociacións deron comezo coa constitución da mesa o pasado 8 de maio e dende esa data mantivéronse catro reunións «nas que non houbo un avance mínimo».
A perda do poder adquisitivo supera o 13%
As tres centrais sindicais consideran que a negociación ten que ir encamiñada á recuperación da gran perda de poder adquisitivo que se viu sufrindo coa firma dos anteriores convenios, que supera o 13% con respecto ao IPC. Por iso consideran “vital” que esta negociación se dirixa a “unha recuperación que permita a todas as persoas traballadoras do sector afrontar unha vida en condicións económicas mínimas”.
No relativo aos dereitos sociais, apuntan que “deberían de abordarse medidas que os melloren”. A pesar de estar presente en todas as plataformas sindicais, a patronal formada por ACOTRADES, TRANSCAF e ASCENTRA non ten intención de abordar as melloras relacionadas coa xornada, conciliación familiar e licenzas “que tamén son imprescindíbeis nun sector onde a xornada real é elevadísima”.
Por iso, diante desta postura inmobilista, CIG, CCOO e UGT xa avanzan “que a negociación non se vai a poder levar a cabo sen unha reconsideración da postura da patronal”, e anuncian diferentes mobilizacións a curto e medio prazo de non existir avances reais na mesa negociadora.