A plataforma contra a macroplanta de biogás fai un primeiro rexistro con máis de 1.600 alegacións
Continúan abertos e recibirán escritos de oposición até final de ano os 31 puntos de recollida en locais dos concellos de Xunqueira de Ambía, Sandiás, Allariz, Xinzo de Limia, Maceda, Vilar de Santos, Vilar de Barrio, Celanova e Ourense.

Macroplanta Biogás na Limia NON, a plataforma que organiza a oposición veciñal á instalación en Xunqueira de Ambía dunha industria de produción de combustíbel a partir de residuos, rexistrou este luns máis de 1.600 alegacións contra o proxecto nas oficinas da Subdelegación do Goberno e do concello de Xunqueira de Ambía.
Os escritos de oposición ao proxecto que impulsa ENCE -que presenta graves riscos para a conservación da fauna e da flora da zona da Lagoa de Antela hoxe protexida dentro da Rede Natura, ademais de graves prexuízos para a saúde e a vida das veciñas nas localidades próximas á macroinstalación- superan xa aos recollidos durante toda a campaña do primeiro proceso de participación pública entre outubro e novembro, e evidencian que a alarma social aumentou na medida en que a sociedade civil foise organizando para cubrir o baleiro de información ao redor do plan de ENCE.
Fronte a presión veciñal, o goberno municipal do Concello de Xunqueira de Ambía vén de publicar un escrito de alegacións que non discute a viabilidade ambiental e social da macroplanta nin reclama a denegación dos permisos para a súa instalación tendo en conta a gravidade dos impactos previstos, especialmente o enclave da marcroplanta (incluído un polígono fotovoltaico) no linde da ZEPA e a invasión da área protexida por infraestruturas de servizo.

Macroplanta Biogás na Limia NON informará nos próximos días de novas accións informativas durante as tres semanas que restan para o remate do prazo de presentación de alegacións, e lembra que se seguirán recibindo escritos de oposición nos 31 puntos habilitados en 9 concellos contra o proxecto.
Entre os impactos do proxecto, o colectivo alerta dos cheiros que emiten este tipo de instalacións -que están a ser fortemente contestadas en diferentes lugares do Estado-, do enorme volume de residuos a tratar (166.000 toneladas/ano, di a promotora nos documentos a avaliación), dos vertidos ás augas nunha área inundábel, e nunha comarca de augas contaminadas por nitratos que ten pendente a declaración de Zona Vulnerábel.
