ALTRI non será (en tempos de ecorresistencia)

A pesar de que 2026 empezou de maneira convulsa, coa cidadanía sendo testemuña de duros golpes á democracia e ataques globais aos dereitos das persoas e do medioambiente, o anuncio de peche de ALTRI devolveunos un pouco a alegría e a esperanza. Porque a ecorresistencia funciona e aínda podemos escribir o noso presente e o noso futuro.
De feito, o ano pasado en Galiza puidemos celebrar non poucas vitorias: finalizar o espolio dos montes comunais de Tameiga, expulsar ás mineiras de San Finx e de Penouta, impedir a desfeita no bosque do Banquete de Conxo, iniciar a reconquista da illa de Toraya ou articular masivas mobilizacións para denunciar o xenocidio israelí. Todo iso foron logros da cidadanía organizada dos que Ecoloxistas en Acción foi coprotagonista. Con todo, estes avances quedaron ensombrecidos ante o estoupido de agresións e ameazas de involuciones sociais e ambientais que se han arremolinado con forza apisoadora nada máis comezar este ano.
Por iso, o anuncio da Xunta de arquivar o expediente da concesión da macro planta celulósica de ALTRI é unha gran vitoria que debemos celebrar e paladear de vagar. Hai que festexar a vitoria. Palmearnos as costas os uns ás outras con acenos de complicidade comunitaria. Parabéns e máis parabéns para o tecido asociativo do noso país e para a solidariedade do Estado español.
Que se desate a euforia, por que non?, mentres a resaca non nos impida seguir de preto os movementos da escenificación da Xunta. Porque non houbo unha quebra no negacionismo da Xunta sobre os impactos ambientais e sociais da industria extractivista. Non hai fenda no terraplanismo do goberno galego do Partido Popular pola que calase unha epifanía ecosocial que nos garanta que non volveremos á casilla de saída, en breve, con este proxecto.
Non é a primeira vez que a Xunta esconde unha intención contraria á súa decisión. A pasteira lusa ten o trámite aberto para presentar alegacións e, posteriormente, a posibilidade de interpoñer un contencioso administrativo para reverter o fallo da Xunta, se este segue sendo negativa para os seus intereses mercantís.
Un engano así estivo a piques de logralo a Xunta e os promotores do proxecto mineiro Alberta I, agora chamado Mina Doade, cando polas irregularidades e informes negativos a Xunta denegou a viabilidade ambiental e a empresa levou á Xustiza esta decisión. Esperaban que unha defensa morna da súa decisión conlevase unha resolución xudicial a favor da mineira, pero a comparecencia de Ecoloxistas en Acción como codemandada truncoulles a artimaña.
Aínda que a decisión da Xunta fose unha manobra espuria, non deixa de ser obrigada pola forza da mobilización da boa xente da Ulloa e da cidadanía, en xeral, de Galiza. A Xunta do Partido Popular, que traballou case como comerciais a soldo de ALTRI, ten que estar moi forzada para recuar así, aínda que se deixaron algún cartucho na recamara.
De momento somos pouco máis que meros espectadores neste baile de dimes e diretes con que o presidente da Xunta e o seu camarilla ornamenta o seu obrigado paso atrás. Ten o seu interese mirar toda esta representación e tentar ler entre liñas a estes expertos artífices do engano. Eles miden e calibran cada palabra que din. Non tanto de admitir o erro, botan a culpa ao Goberno central, acusándoo de boicotear o proxecto e saltarse as ”regras” por mera rivalidade política e presentándose eles como defensores ante a ignominia centralista.
Pode parecer unha explosión dialéctica máis, pero é un intento de seguir negando os graves impactos ambientais deste proxecto,da súa política industrial en xeral e, sobre todo, de esconder a demostración de poder popular realizada pola xente da Galiza. Para que, como sempre, na ciénaga política, todo isto desmoreza na memoria das galegas e galegos antes do próximo episodio de eleccións nacionais.
Sería un erro pensar que son predicibles e transparentes. A ecorresistencia ten a súa forza na unidade veciñal, pero esta desbarátase facilmente se caemos na inxenuidade de confiar no que nos din que van facer. Nin sequera debemos dar crédito aos propios feitos, aínda que parezan consumados.
Así que si, seguimos vixiantes. E seguimos con forza reclamando territorios biodiversos onde poder ter vidas que merezan a pena ser vividas. Pero hoxe celebramos. Por Altri non será.
Ecologistas en Acción Galiza.



