BNG defende ante o Goberno transferir o Pazo de Meirás á Galiza
Néstor Rego exixe pelexar xudicialmente contra a indemnización á familia Franco e unha transferencia á Galiza que garanta o uso público en colaboración coas entidades memorialistas e a sociedade galega.
Após a sentenza que confirma a titularidade pública, Rego avanza unha ofensiva institucional e social para lograr o obxectivo de que o Pazo sexa do pobo galego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar ao Goberno do Estado a transferencia á Galiza do Pazo de Meirás, após a sentenza que confirma a titularidade pública do inmóbel, co obxectivo de lograr que “o Pazo sexa definitivamente do pobo galego” e destinalo a un lugar centrado na memoria histórica e democrática.
A iniciativa do BNG pon o foco na necesidade de abrir unha nova etapa após a recente sentenza do Tribunal Supremo que confirma a titularidade pública do inmóbel. O BNG considera que este fito histórico, resultado da mobilización social e do traballo das entidades memorialistas, debe ter continuidade cun modelo de xestión plenamente vinculado á sociedade galega.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, subliña que “é o momento de dar un paso adiante e garantir que o Pazo de Meirás sexa xestionado desde a Galiza e para a Galiza, como un verdadeiro lugar de memoria democrática”. Rego insiste en que “non abonda con recuperar a titularidade pública; cómpre asegurar un uso coherente coa historia de espolio e represión que representa este espazo”.
Ademais, defende a transferencia do Pazo de Meirás á Galiza mediante unha transferencia que asegure a titularidade e o uso público, con especial atención aos contidos relacionados coa memoria histórica democrática e a represión franquista, asegurando compromisos claros de financiamento.
“Este proxecto debe contar coa participación activa da sociedade galega á hora de definir os usos e a xestión do Pazo, destacando o papel central das entidades memorialistas que foron decisivas na súa recuperación” engade o deputado nacionalista.
O deputado BNG critica que a sentenza, por outra parte, é “incompresíbel”. “Non ten ningún sentido que os ladróns sexan compensados e non que a sociedade galega sexa compensada pola apropiación indebida de Meirás” afirma Rego, que reclama ao Goberno pelexar xudicialmente o pagamento dunha indemnización á familia Franco.
Nisto último, sinala Feixóo e o Partido Popular como o responsábeis: “sendo Presidente da Xunta, encargou a elaboración dun informe en que se estabelecía que os descendentes de Franco tiñan a posesión de boa fe e que, polo tanto, sería razoábel compensalos economicamente. A sentenza baséase neste informe completamente irracional e inxusto”.
