Redacción •  Galicia •  13/11/2025

BNG defenderá recoñecer e reparar as mulleres represaliadas polo Padroado de Protección da Muller do franquismo e até 1985

Carme da Silva proporá “recoñecer, rehabilitar e dignificar as mulleres que foron represaliadas e confinadas pola institución franquista” e introducilo na Lei de Memoria Democrática.

A senadora do BNG insta o Goberno a realizar un verdadeiro recoñecemento colectivo e público, así como reparar as formas especiais de represión e violencia exercida contra as mulleres.

A moción do BNG no Senado será debatida e votada o vindeiro martes, 18 de novembro.

BNG defenderá recoñecer e reparar as mulleres represaliadas polo Padroado de Protección da Muller do franquismo e até 1985

A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá unha iniciativa para que se introduza na Lei de Memoria Democrática a reparación, rehabilitación e dignificación da memoria de todas as mulleres represaliadas e confinadas pola entidade franquista do Padroado de Protección da Muller e que se mantivo até 1985. A organización nacionalista propón impulsar políticas de memoria democrática con máis perspectiva de xénero e realizar un recoñecemento público e colectivo para reparar as formas especiais de represión e violencia exercida contra as mulleres na ditadura franquista.

Após o traballo do BNG durante décadas no ámbito da memoria histórica, a senadora nacionalista leva a debate e votación unha iniciativa a vindeira terza feira, 18 de novembro, ao Senado para que o Goberno do Estado introduza a perspectiva de xénero á hora de impulsar políticas de memoria democrática. Así mesmo, a organización nacionalista defenderá dignificar todas as mulleres que durante a ditadura franquista e no período da Transición -até 1985- estiveron baixo o xugo desta institución do réxime.

“O Padroado de Protección da Muller castigou calquera conduta que cuestionara as normas católicas e morais do franquismo. Mulleres intelixentes, valentes, con ideas propias e avanzadas ao seu tempo remataron no cárcere. Foron vítimas dun Padroado que constituíu unha das institucións máis represivas e crueis da ditadura” sinala a senadora do BNG, Carme da Silva.

Para o BNG, é hora de facer xustiza “con todas esas mulleres que padeceron unha persecución cruel, que foron invisibilizadas e privadas de liberdade por defender valores democráticos e querer ser libres”. Elas, afirma Carme da Silva, tamén foron protagonistas da resistencia ao fascismo tanto no ámbito privado como no público.

En opinión da senadora do BNG, o Goberno do Estado debería realizar “un recoñecemento público e reparar todas as formas especiais de represión e violencia exercida contra as mulleres na ditadura franquista como consecuencia da súa actividade pública, política, sindical e intelectual ou a privación de liberdades e penas por delitos de adulterio e interrupción voluntaria de embarazo”.

O anuncio do Ministerio de Igualdade avanzando que se realizaría un acto de recoñecemento no mes de setembro quedou “en saco roto” e, chegados a novembro, a organización nacionalista entende que “é hora de pasar das palabras aos feitos”.

Na iniciativa do BNG que se debaterá no Senado, a parte resolutiva insta o Goberno a impulsar e desenvolver, en colaboración coas CA, traballos de investigación sobre a represión exercida contra as mulleres no seo do Padroado. “Coñecer as súas vidas e honrar as súas memorias é un acto de orgullo, de reparación e de dignidade. É, en definitiva, contribuír a impulsar políticas públicas de memoria con perspectiva de xénero” subliña a senadora do BNG. Neste sentido, Carme da Silva pide ao Goberno do Estado facilitar o acceso a toda a documentación dispersa en distintas institucións, recollendo tamén a testemuña das mulleres superviventes que foron encerradas en diferentes centros da Rede de Casas de Acollida rexentadas por congregacións relixiosas.


BNG /