Redacción •  Memoria Histórica •  02/09/2025

Acordo para instalar un memorial na Poza das Ras, onde foron paseados catro homes en agosto do 36

Acordo para instalar un memorial na Poza das Ras, onde foron paseados catro homes en agosto do 36

Torres Cidre deseña unha escultura en ferro que o Concello de Verea se compromete a instalar nos próximos meses.

O alcalde de Verea, José Antonio Pérez Valado, e o presidente do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Hixinio Araúxo, anunciaron este sábado en Verea o acordo para a sinalización da Poza das Ras, na parroquia de Ourille, como lugar de memoria a través da colocación dunha escultura do artista ourensán Xoán Torres Cidre, que está previsto instalar nos próximos meses.

O memorial, en ferro e con forma cúbica, renderá homenaxe aos mestres Julio González Álvarez, de Gontán (Verea) e Amadeo López Bello, de Beiro (Carballeda de Avia), o chofer Silvio Torres Díaz, de Ourense, e o farmacéutico de Leiro, natural de Vilardevós, Eloy Romero Luis, asasinados na Poza das Ras o 29 de agosto de 1936 despois de ser sacados do cárcere de Celanova.

Familiares de Eloy Romero e Silvio Torres acompañaron ao alcalde e a membros do Comité no anuncio que tivo como escenario o lugar da Poza da Ras, onde se depositaron ademais catro cravos vermellos en honra das vítimas.

LUGAR DE MEMORIA

O Concello de Verea e o Comité dan un paso máis nunha colaboración que se iniciou hai dous anos e que ten como obxectivo a recuperación da memoria das vítimas do fascismo en Verea, e que xa se concretou na homenaxe na Poza das Ras en setembro de 2023 e na solicitude, ese mesmo ano, diante do Goberno do Estado da declaración do espazo como lugar de memoria en cumprimento da actual lei de memoria democrática. O trámite xa superou o prazo establecido sen que desde a Secretaría de Estado de Memoria Democrática se teña comunicado decisión ningunha, polo que desde o Comité se instou ao alcalde a se interesar polo avance do procedemento.

O Comité, que continúa coas pescudas para ampliar a información sobre os catro homes represariados en contacto coas familias, lamentou o falecemento o pasado día 2 de Amadeo López Vieitez, o fillo de Amadeo López Bello e reiterou ás condolencias á familia.


Despois da renovación dos órganos directivos nos prazos estatutarios, o Comité desenvolverá no mes de setembro a campaña anual de renovación e captación de socias e socias e avanzará accións a desenvolver no outono en relación aos espazos de memoria e a batalla pola retirada da simboloxía fascista ao abeiro da lei.


memoria víctimas del franquismo /