A CIG faise con todo o comité da compañía coruñesa Liñagar, unha das maiores empresas galegas de construción
Un laudo arbitral anulou as candidaturas “independentes” e deixou como única lista válida ao proceso a presentada pola central sindical

A CIG vén de acadar unha vitoria sen precedentes nas eleccións sindicais celebradas na compañía coruñesa Liñagar, unha das maiores empresas do sector da construción e do contract en Galiza, cun cadro de persoal próximo ás 200 persoas traballadoras, tras verse estimada a impugnación presentada pola CIG durante o proceso.
O laudo arbitral declarou a nulidade das candidaturas denominadas “independentes” presentadas nos dous colexios electorais, por incumpriren a normativa vixente, dando integramente a razón aos argumentos defendidos pola central nacionalista.
Como consecuencia directa desta resolución, e ao seren as únicas candidaturas formalizadas en tempo e forma, a CIG pasa a ostentar a totalidade da representación legal do persoal, asumindo os 9 membros do comité: 4 no colexio de persoal técnico e administrativo e 5 no de especialistas. Trátase do segundo proceso celebrado na historia da compañía; no anterior, que tivo lugar en 2021, CCOO obtivera 8 representantes e a CIG 1.
Desde a Federación da Construción e Madeira (FCM) subliñan que o resultado sitúa a CIG como forza sindical hexemónica en Liñagar e consolídaa no conxunto do sector, como referente na defensa rigorosa dos dereitos laborais. Así mesmo, reafirman o seu compromiso de exercer esta representación con “responsabilidade, transparencia e combatividade”, poñendo o comité de empresa ao “servizo exclusivo” dos intereses do cadro de persoal e abrindo unha nova etapa de acción sindical “real e útil” en Liñagar.
