Redacción •  Galicia •  30/11/2025

BNG exixirá ao Goberno rexeitar o incremento de tarifas da AP-9 en 2026 e iniciar a anulación da prórroga ilegal

  • Néstor Rego, un ano máis, reclama que non se produza unha nova suba das portaxes e leva a debate e votación no Congreso unha iniciativa para impedir o incremento.
BNG exixirá ao Goberno rexeitar o incremento de tarifas da AP-9 en 2026 e iniciar a anulación da prórroga ilegal

Antes de rematar o ano e ante a pretensión da concesionaria de subir as peaxes da Autoestrada do Atlántico, o BNG leva a debate e votación unha iniciativa no Congreso para reclamar ao Goberno do Estado que impida o incremento das tarifas para as persoas usuarias e inicie os trámites para a anulación da prórroga, a asunción da súa xestión directa e a supresión das portaxes. Así mesmo, Néstor Rego defenderá impulsar a transferencia da AP-9 á Galiza.

“Seguen financiándose os lucros millonarios dos titulares da concesión con cargo a fondos públicos dunha infraestrutura que neste momento debería ser xa pública e libre de peaxes” denuncia o deputado nacionalista, que lembra a prórroga concedida polo Goberno do PP encabezado por Aznar e que a Comisión Europea declarou nula por realizarse sen a debida licitación pública.

Esa mesma prórroga, ilegal, é precisamente pola que as persoas usuarias da AP-9 teñen que seguir pagando portaxes nunha infraestrutura “sobradamente amortizada, só para maior lucro das empresas privadas”. Portaxes, recrimina Rego, que ven incrementados anualmente para cubrir a suba do IPC, especialmente elevado nas últimas anualidades, e para “resarcir” á concesionaria por obras de mellora non incluídas na prórroga.

Rematar xa coa estafa legalizada declarada ilegal

Ante esta situación, a frente nacionalista levará a debate e votación unha iniciativa no Congreso para reclamar ao Goberno do Estado que, en primeiro lugar, “impida o incremento das tarifas das portaxes da AP-9 en 2026 para as persoas usuarias: ben negociando coa concesionaria ou asumindo os aumentos previstos nos Orzamentos do Estado”.

Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso exixirá iniciar os trámites para a anulación da prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9 e asumir a xestión directa da autoestrada, así como a supresión das peaxes.

“Débese impulsar a transferencia da titularidade e competencias da Autoestrada do Atlántico (AP-9) á Galiza” recolle tamén a iniciativa presentada polo Bloque Nacionalista Galego que será debatida no Congreso.


infraestructuras /