Folga e mobilizacións para reclamar melloras salariais en Textil Lonia de Ourense
O persoal está a desenvolver paros parciais e concentracións dende o pasado día 24 e ten convocado un paro de 24 horas para o 5 de xaneiro.

O cadro de persoal de Sociedad Textil Lonia de Ourense está a desenvolver dende o pasado mércores 24 paros parciais e mobilizacións para reclamar melloras salariais, mentres que o 5 de xaneiro ten convocada unha xornada de folga de 24 horas. Para o día de hoxe había previstas concentracións diante de establecementos de Carolina Herrera e Purificación García na cidade, aínda que finalmente non se celebraron porque se abriron negociacións coa empresa tras o éxito do primeiro paro.
As medidas de presión anunciadas pola CIG, CCOO, UGT “ante o bloqueo deliberado da negociación colectiva e o desprezo reiterado da empresa cara ás persoas traballadoras” consisten en paros de dúas horas, entre as 11.00 e as 13.00 horas, que comezaron o pasado día 24 e que continúan hoxe. Para mañá hai previsto un novo paro, así como unha folga durante toda a xornada o vindeiro 5 de xaneiro, que se levarán a cabo no caso de que as conversas que teñen lugar nestes momentos non se pechen cun acordo satisfactorio para as persoas traballadoras.
As centrais denuncian que a pesar de tratarse dunha empresa con beneficios elevados e actividade comercial en todo o mundo, Sociedad Textil Lonia négase a repartir a riqueza que xera, “mantendo ao persoal con salarios ancorados no mínimo de convenio e perpetuando unha situación de precariedade estrutural absolutamente inxusta e insostible”.
Ao mesmo tempo, cualifican de “auténtica tomadura de pelo” a actuación da empresa o pasado 23 de decembro, cando ás portas da primeira xornada de paros trasladou por correo electrónico unha proposta salarial “irrisoria, sen contido real nin capacidade para mellorar as condicións do persoal”.

A maiores, a empresa condicionou sentarse coa comisión negociadora poucos minutos antes do inicio do paro a que se desconvocase previamente a folga, nunha manobra que os sindicatos consideran unha chantaxe inaceptable e unha vulneración do dereito fundamental de folga.
Neste senso, lembran que a representación das persoas traballadoras xa deu mostras de “responsabilidade e boa fe” ao desconvocar un paro anterior tras un compromiso expreso da empresa de presentar melloras salariais, “compromiso que foi incumprido, deixando en evidencia quen é quen bloquea realmente a negociación”.
A secretaria comarcal da CIG de Ourense, Xulia González, que fai parte da mesa negociadora, denuncia que “a actitude da empresa é profundamente antisindical e mostra un absoluto desprezo polo persoal ”, e considera que “non é tolerable que unha multinacional con beneficios pretenda seguir sustentando o seu negocio a base de salarios baixos e precariedade”. Polo que advirte que “as persoas traballadoras están fartas de soportar esta situación e non van dar nin un paso atrás na defensa dos seus dereitos”.
Finalmente, dende as tres centrais convocantes reiteran que van atender as demandas do persoal, que esixe salarios dignos e condicións laborais acordes á realidade económica da empresa, e adiantan que as mobilizacións “irán a máis” se a dirección de Sociedad Textil Lonia non abandona a estratexia de “imposición e chantaxe” e non presenta propostas serias e reais.
