Lección de dignidade do profesorado galego na primeira das dúas xornadas de folga por un ensino público de calidade
Milleiros de persoas rodearon San Caetano e o mércores as protestas levaranse ás delegacións territoriais de Educación

A primeira xornada da folga docente neste mes de outubro, a segunda no que vai de curso, decorreu cun importante seguimento de profesorado, á espera de que se contrasten os datos de participación a partir do vindeiro xoves. O persoal docente, que estes días estivo moi activo nos propios centros colgando faixas reivindicativas e nas redes sociais, volveu responder masivamente á chamada de “virar San Caetano”, unha acción consistente en rodear o edificio administrativo da Xunta e que ante a afluencia de persoas tivo que ver modificado o percorrido previsto.
Mobilización nacional en Compostela
Segundo explicou Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, a organización maioritaria dentro do sector, “démoslle a volta á Consellaría porque o que se pretende é que esta lle dea a volta ás súas políticas e se poña do lado do profesorado, invista máis no público e non nas empresas privadas, aumente o número de docentes e non a burocracia, reduza o horario e as ratios e non recorte a nosa liberdade de cátedra como pretende”.
Durante a protesta moitas persoas portaron cabazas que se depositaron xusto diante da fachada da Consellaría de Educación. “Trouxémoslle cabazas ao conselleiro -engadiu- porque simboliza o suspenso por parte do profesorado porque non sabe sumar cando di que medio docente máis medio docente son dous docentes, suspende tamén na atención á diversidade ao pretender que unha persoa orientadora atenda a máis de 300 rapaces ou rapazas ou non dota os centros con especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, cando non sabe colocar no mapa os coles do rural porque os deixa abandonados ou en lingua galega por someter ao ostracismo á nosa lingua”.
Ademais, Arroxo, referiuse ás vésperas do Samaín, “unha data que na nosa cultura significa unha unión entre o mundo dos vivos e o dos mortos. Sabemos onde lle gustaría situar ao Partido Popular o ensino público pero tamén sabemos o que queren o profesorado, o alumnado e as familias: un ensino público vivo, de calidade, galego e integrador. Polo tanto seguiremos visibilizando a fartura do profesorado estes dous días e a partir do xoves nos nosos centros de traballo porque a responsabilidade docente é construír unha sociedade integradora e plural”.
A responsábel da CIG-Ensino tamén criticou o anuncio do conselleiro Román Rodríguez sobre as 1.500 prazas das oposicións o ano que vén, aludindo a que se trata de cubrir a taxa de reposición, é dicir, de substituír as persoas que se xubilan por novo funcionariado de carreira sen que isto signifique ningún incremento sobre o número de profesorado actual. “No proxecto de orzamentos para o vindeiro curso mantense un ano máis o número de profesorado a mesma cifra, 30.424, que nos últimos 5 anos e as partidas para educación soben moi por debaixo da media do que soben outras Consellarías”, concluíu.
Peches en centros educativos
Despois da manifestación en Compostela, o profesorado continúa coa acción reivindicativa protagonizando peches en varios centros educativos para visibilizar o conflito laboral e social protagonizado polo persoal docente galego. Os peches estanse realizando no CEIP Alborada da Coruña, no IES Lucus Augusti de Lugo, no CEIP Amadeo Rodríguez Barrosa de Ourense, no IES Valle Inclán de Pontevedra, no IES de Canido en Ferrol e no CEIP Reibón de Moaña.
Nova xornada de folga o mércores e novas protestas
A folga continuará este mércores día 29 con protestas deslocalizadas nas catro capitais de provincia que se iniciarán de maneira simultánea ás 11:30 horas e que rematarán diante das delegacións territoriais da Consellaría de Educación. Na Coruña a marcha partirá do CEIP Alborada, en Lugo sairá da Praza da Horta do Seminario, en Pontevedra do EIS Valle Inclán e en Ourense fará un percorrido circular con saída e chegada na dirección territorial de Educación.
Táboa reivindicativa
Sen prexuízo de que se aborden cuestións que non teñen estrito carácter laboral como a situación da lingua galega no ensino, garantías de liberdade e de respecto ao traballo docente ou a renegociación do Decreto que vai regular a Formación Profesional estas son as principais reivindicacións que motivaron esta folga de dous días.
- Baixada de ratios no inicio de todas as etapas educativas a partir do vindeiro curso 26/27.
- Recuperación do horario lectivo recortado en 2011 (21 horas en primaria e infantil) e en 2012 (18 horas no resto de ensinanzas) tamén a partir do vindeiro curso e fin da discriminación horaria nos CIFP e centros de ensinanzas artísticas. Galiza é a única comunidade de todo o Estado que permanece coas 20 horas en secundaria e outras ensinanzas.
- Medidas concretas que garantan unha correcta atención á diversidade (criterios para a dotación de persoal especialista de PT e AL, incremento do número de orientadores/as nos centros, cómputo como dobre ou triplo do alumnado con necesidades en todas as etapas, autorización de desdobres, PDCs e FP básica en todo o territorio…)
- Un plan real de eliminación de burocracia que leve aparellado, entre outras medidas, un incremento da dedicación horaria para equipos directivos, coordinacións e titorías.
- Melloras retributivas: incremento retributivo lineal para todo o profesorado no complemento autonómico que permita recuperar o poder adquisitivo perdido, recuperación do cobro do verán para o persoal substituto que traballe 5 meses e medio e equiparación salarial do PESSFP co resto de profesorado de FP.
- Redución da xornada laboral a partir dos 55 anos e recuperación das licenzas por formación retribuídas.
