Redacción •  Galicia •  29/10/2025

As detidas na volta ciclista no Corgo (Lugo), que terán que declarar en decembro, fan un chamado

  • Comunicado en nome das persoas detidas no Corgo chamadas a declarar en decembro con motivo dos acontecementos de la Vuelta a España ao paso polo Corgo.
As detidas na volta ciclista no Corgo (Lugo), que terán que declarar en decembro, fan un chamado

Lugo, 28 de outubro de 2025. As oito persoas detidas na etapa do Corgo de “La Vuelta” fomos chamadas a declarar o vindeiro mes de decembro por un delito de “Desordes públicas”. Denunciamos a falta de coherencia do Goberno estatal, que publicamente mostrou o apoio ás protestas, que ao mesmo tempo criminaliza; e facemos un chamamento á solidariedade para poder afrontar as multas propostas, así como os gastos xudiciais.

A participación do equipo Israel Primer Tech na Volta Ciclista motivou protestas xeneralizadas en todo o percorrido da competición deportiva debido aos vínculos do seu propietario co primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu. Que este equipo ciclista percorrera as rúas mentres o seu dono mantiña relacións co sionismo, principal responsábel do masacre palestino, non é máis ca un intento de normalización do xenocidio.

Sancións de entre 3.000 e 5.000 euros

Nestas protestas oito persoas fomos detidas no Corgo pola Guarda Civil, e dúas máis ao final da etapa en Monforte, onde outras tres persoas foron identificadas e incluídas no atestado da policía Nacional. En total somos 13 persoas en Lugo que pedimos a nosa absolución. Presumíbelmente todas imos ser xulgadas e tamén se nos abrirá expediente administrativo na Delegación do Goberno, ante a que a Comisión Antiviolencia solicita multas de entre 3 e 5 mil euros por persoa.

Denunciamos así mesmo a hipocresía do goberno, que mentres apoia publicamente as protestas, pola parte de atrás está a criminalizar ás persoas que denunciamos e que nos negamos a aceptar a normalización dun xenocidio, con propostas de multas abusivas, por exercer o noso dereito de manifestación e protesta.

Campaña de solidariedade

A Plataforma Lugo por Palestina ven de poñer en marcha unha campaña de solidariedade para recadar fondos cos que facer fronte ás avultadas multas que AGARDAMOS recibir. No caso de que a campaña de recadación supere a contía necesaria, comprometémonos a destinar o excedente á causa palestina. Calquera persoa que queira, pode facer unha achega económica na seguinte conta bancaria:

Titular: A Hedreira

Banco: Caixa Rural Galega

Concepto: Represaliad@s LA VUELTA

N.º de conta: ES60 3070 0032 9764 4952 6927

Lugo por Palestina.


Palestina /