“Obrigáronnos a facelo”: a CUT denuncia a política forestal do PP tras os devastadores lumes en Ourense

Máis de 90.000 hectáreas calcinadas só na provincia, decenas de casas destruídas, brigadistas exhaustos e veciñanza atemorizada son o balance dun verán negro que a Central Unitaria de Traballadoras (CUT) atribúe ao “desleixo intencionado” da Xunta de Galicia. O sindicato reclama un novo modelo forestal baseado na biodiversidade, investimento público real e xustiza para as persoas afectadas.
A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) fixo público este 28 de agosto un duro comunicado no que denuncia a responsabilidade política da Xunta de Galicia e, en particular, da política forestal do Partido Popular, na traxedia ambiental e social que arrasou Ourense este verán. Segundo a organización sindical, “recordaremos agosto de 2025 coma ese verán no que a política forestal do PP arrasou a provincia de Ourense”.
As cifras falan por si mesmas: máis de 90.000 hectáreas calcinadas só en Ourense, decenas de vivendas destruídas, brigadistas e bombeiros en estado grave, voluntariado exhausto e comunidades enteiras atravesadas polo medo e a impotencia. A CUT sostén que “a causa é política, consecuencia directa dun modelo forestal que prioriza o beneficio económico por riba da vida, da seguridade e do equilibrio ecolóxico”.
Fronte a esta catástrofe, a resposta cidadá converteuse nun exemplo de solidariedade e resistencia. Durante máis dunha semana, centos de persoas pasaron pola sede da CUT en Ourense, mentres voluntariado e afiliadas levantaban unha rede para abastecer de alimentos, auga e materiais ás brigadas e á veciñanza. Chegáronse a elaborar máis de 400 batelumes, nunha mobilización que acadou máis de 15 concellos da Galiza e Portugal. “O pobo non debería salvar ao pobo. Obrigáronnos a facelo”, denuncian desde o sindicato.
Porén, ese esforzo colectivo non puido evitar o que a CUT cualifica como un desastre inconcibible: décadas de política forestal neglixente non se corrixen nunha semana. “A carraxe partiunos a alma, coñecendo as causas e a falta de responsabilidade de quen tiña que poñer fin á catástrofe”, subliñan.
Esixencias ao Goberno galego
O comunicado enumera unha serie de demandas claras:
Un modelo forestal baseado na biodiversidade e na recuperación do monte autóctono, fronte ao monocultivo que alimenta os lumes.
Investimento público estábel e continuado en prevención, limpeza e coidado do monte.
Melloras laborais e estruturais para as equipas de extinción e prevención, con contratos de 12 meses e recoñecemento como servizo público esencial.
Planificación territorial que priorice a vida rural e que poña freo á especulación urbanística.
Xustiza e reparación para as persoas afectadas, con axudas efectivas e restaurativas.
Un servizo público de radiotelevisión independente e transparente, que non agoche a realidade en beneficio de intereses partidistas.
Para a CUT, a historia recente da Galiza está marcada por leis deseñadas con “escuros intereses económicos”, baseadas no “expolio, corrupción e pobreza”, un triángulo que, segundo denuncian, segue reducindo o monte galego “a pedra”.
Coa chegada das chuvias, advirten, os montes arrasados esvararán en forma de cinza cara aos ríos, e no baleiro deixado polo bosque chegarán “eólicas, pasteiras e mineiras”. Ante este panorama, a organización conclúe: “O monte precisa vontade política, e nós estaremos aquí, organizadas, mobilizadas, atentas e esixentes. Basta xa de capitalizar e expoliar a nosa terra. Seguiremos vixiantes”.