Redacción •  Galicia •  28/11/2025

A Rede Galega pola Palestina mobilízase neste 29 de novembro

A Rede Galega pola Palestina mobilízase neste 29 de novembro

No 29 de novembro de 1947, Estados imperialistas a través da ONU decretaron que a totalidade da Palestina non lles pertencía ás persoas indíxenas que a habitaban. A partilla supuxo que a xente palestina ficara con soamente o 47 % do territorio do seu país, en tanto os colonos sionistas levaban o 53 % dunha terra que non era a súa. Este feito levou a un posterior proceso de limpeza étnica e xenocidio do pobo palestino e o nacemento do actual rexime colonial sionista.

Coincidindo con este 78° aniversario desta inxusta decisión, a Rede Galega pola Palestina convoca mobilizacións para este sábado, 29 de novembro, denunciando o colonialismo sionista.

A Rede Galega pola Palestina reivindica a plena autodeterminación do pobo palestino do río ao mar, o direito de retorno das persoas palestinas, a liberdade des palestines detides, o fin do colonialismo e da ocupación sionistas, o o desmantelamento do muro e o fin do apartheid. Do mesmo modo, defende o direito de resistencia do palestino por calquera medio, incluíndo a armada.

Para lograr estes albos, a Rede respalda a campaña internacional do movemento BDS (Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel), liderado pola maior coalizón da sociedade civil palestina. Deste modo, a Rede respalda as demandas de ruptura de todas as relacións económicas e políticas co rexime sionista, incluíndo o fin do comercio de armas.

As mobilizacións desa xornada sairán das seguintes localizacións:

  • Coruña: 12 h, Praza de Pontevedra.
  • Ourense: 19 h, Praza das Mercedes.
  • Pontevedra: 20 h, Hospital Provincial, Rúa Doutor Loureiro Crespo, 2.

Palestina /