Celso Emilio volve a Celanova
- O 22 de novembro presentaranse ‘O Cabronario’ -poemas antifranquistas en castelán inéditos en España até o 2024- e ‘Pido unha patria ao mundo’, recompilación tamén de inéditos que terá a su estrea en Celanova.
- O acto, que contará coa intervención da familia, do editor, de María Xosé Porteiro e do Premio Nacional de Literatura, Antonio G. Teijeiro, entre outros, celebrarase ese sábado pola mañá no Auditorio Municipal (AMIC).
- Organizado polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, o acto enmárcase nas Xornadas de Memoria Antifascista sobre a Transición española, que se desenvolverán os sábados 15, 22 e 29 de novembro en distintos escenarios da vila.

Celanova, 28 de outubro de 2025. ‘O Cabronario’ (2024) e ‘Pido unha patria ao mundo’ (2025) traerán de volta a Celanova a Celso Emilio Ferreiro nunha desas viaxes que o autor e os seus escritos xiran periodicamente á vila que contribuiron a facer universal. Son dúas compilacións inéditas, presentada a primeira o ano pasado en Vigo e na Coruña pola familia e pola Editorial Elvira, e a segunda publicada hai apenas uns meses que vivirá a súa estrea en Celanova.
Será o 22 de novembro, pola mañá (11.45 horas), coa presenza de Xabier Ferreiro, fillo do poeta e home clave na recuperación dos poemas, Xabier Romero, director da editorial, acompañados por varios convidados que falarán de Celso Emilio e lerán por vez primeira en Celanova eses textos de combate do autor nun momento en que a memoria antifascista e antifranquista parece máis necesaria que nunca.

A través de Celso Emilio, dos seus versos e do seu compromiso, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova quere contribuír a esta batalla cultural e política que se está a librar porque toca e que nós libramos aquí, no noso lugar no mundo, coas ferramentas que legaron o Celso, o Pepe Velo, o Luís Soto e outros como o Ferrín que manteñen viva a convicción.
Quedades todas convidadas á celebración e á loita. Nos próximos días iremos confirmando o contido dos actos, ás colaboracións e o resto do programa das xornadas, que terán lugar os días 15, 22 e 29.

