Esquerda Unida esixe o traslado do paritorio do Hospital Materno Infantil de Ourense garantindo a seguridade e a intimidade das embarazadas

Esquerda Unida esixe ao SERGAS e á Consellería de Sanidade que realicen con carácter urxente o traslado do paritorio do Hospital Materno Infantil de Ourense, tras o novo desprendemento do falso teito producido o pasado xoves 24 de xullo. A formación reclama que este traslado se realice “con garantías de seguridade, intimidade e dignidade para as mulleres embarazadas” apunta Alba Torreiro, responsable de Área Externa de Esquerda Unida.
Desde Esquerda Unida denuncian que a última proposta da Consellería non cumpre os requisitos mínimos para un parto digno, “ao contemplar separacións e pechamentos con láminas de aluminio, a eliminación da sala de parto natural e da bañeira de partos, así como a existencia de só dous baños para todas as mulleres que se atopen en dilatación, parto e espertar” engade Alba Torreiro.
Fronte a esta situación, Esquerda Unida urxe á Consellería de Sanidade a reformular a súa proposta e a garantir espazos adecuados, tanto a nivel estrutural como asistencial, para o benestar das mulleres e das crianzas. Reclama tamén ao Conselleiro de Sanidade e ao Xerente do Hospital que escoiten directamente ás usuarias, pois a súa obriga é garantir condicións dignas en todo o proceso do parto.
A formación chama a participar na mobilización convocada para mañá luns 28 de xullo ás 11:30 diante do CHUOU, promovida polos colectivos Arrolos de Teta, O Parto é Noso, Marcha Mundial das Mulleres, Petra Maternidades Feministas, Asociación Galega de Matronas e SOS Sanidade Pública Ourense.
“Non se pode seguir poñendo en risco a saúde física e emocional das mulleres. O que está a ocorrer no Hospital Materno Infantil de Ourense é a mostra dunha política sanitaria que despreza os coidados e os dereitos máis básicos”, conclúe Alba Torreiro dende Esquerda Unida.