BNG exixe ao Goberno do Estado a súa implicación e actuación inmediata ante a situación da Lagoa de Antela
- Carme da Silva avanza o rexistro de iniciativas despois de que a auga da antiga explotación de Feldespatos Sarreaus presentase unha intensa coloración vermella.
- Os primeiros datos aportados pola Confederación apuntan á proliferación dunha cianobacterias: “non é un feito illado nin imprevisíbel, é a consecuencia de anos de inacción e abandono”.

O Bloque Nacionalista Galego anuncia o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado ante a grave situación ambiental que se está a producir na Lagoa de Antela, no concello de Sarreaus, despois de que a auga da antiga explotación de Feldespatos Sarreaus presentase unha intensa coloración vermella e de que os análises preliminares da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) apunten á proliferación da cianobacteria Planktothrix rubescens.
A senadora do BNG, Carme da Silva, sinala que as iniciativas teñen como obxectivo reclamar actuacións inmediatas por parte do Goberno do Estado, ao entender que “non estamos ante un feito illado nin imprevisíbel, senón ante a consecuencia directa de anos de inacción e abandono institucional nun espazo natural extremadamente sensíbel”.
Da Silva lembra que a Lagoa de Antela e o acuífero da Limia constitúen un dos ecosistemas máis importantes do interior do país, polo que calquera episodio de contaminación ou alteración das augas “debe ser tratado coa máxima seriedade e cunha resposta urxente por parte das administracións competentes”.
Un problema advertido reiteradamente polo BNG
O BNG subliña que a situación actual podería terse evitado se se tivese actuado cando a formación nacionalista leva advertindo moito tempo do risco ambiental que supuña a presenza do barco parcialmente afundido na charca de Feldespatos Sarreaus, coñecido como o “Prestige da Limia”, que leva máis de dúas décadas abandonado no interior da Lagoa de Antela.
“O BNG alertou desta ameaza no Concello de Sarreaus, na Deputación de Ourense e no Parlamento de Galiza, reclamando actuacións preventivas para evitar unha situación como a que estamos a vivir” lembra a senadora nacionalista. “Non se fixo nada e agora atopámonos cun escenario moito máis complexo e custoso do punto de vista ambiental e económico”.
A aparición desta coloración vermella xerou unha fonda preocupación social na comarca da Limia, especialmente entre a veciñanza, que leva anos reclamando solucións e que foi quen deu a voz de alarma ante o cambio na auga.
Retirada inmediata do barco afundido
A senadora do BNG considera prioritario e inadiábel que se proceda á retirada inmediata do barco afundido que permanece na charca da antiga explotación mineira. A embarcación contiña arredor de 5.000 litros de combustible e, malia que os informes preliminares da CHMS sinalan que a proliferación da cianobacteria podería ser un fenómeno natural e descartan provisionalmente a influencia directa do material afundido, a organización nacionalista advirten de que “segue a ser un foco potencial de contaminación que non pode continuar no medio”.
“Que os primeiros análises non vinculen directamente o episodio actual co barco non significa que o risco desaparecese” indica Carme da Silva. “Ao contrario: confirma que aínda estamos a tempo de actuar para evitar un vertido futuro e danos irreversíbeis no acuífero da Limia”.
Neste sentido, o BNG reclamará ao Goberno do Estado que, no marco das competencias da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, adopte as medidas necesarias para retirar a embarcación, asegurar a zona e eliminar calquera risco de filtracións contaminantes.
Rexeneración e restauración ambiental da Lagoa de Antela
Xunto coa retirada do barco, o Bloque Nacionalista Galego exixe levar a cabo a rexeneración da zona afectada e a posta en marcha dun plan de restauración ambiental da Lagoa de Antela, que permita recuperar este espazo natural e garantir a protección das augas subterráneas e superficiais.
“O Goberno do Estado non pode limitarse a observar a evolución dos acontecementos nin deixar a resolución do problema en mans da propia natureza” afirma a senadora do BNG. “É imprescindíbel actuar con responsabilidade, coordinar ás distintas administracións implicadas e ofrecer información clara e transparente á veciñanza”.
O BNG tamén solicitará nas Cortes do Estado que se depuren responsabilidades e se esclareza quen debe asumir os custos derivados da retirada do barco e da recuperación ambiental, evitando que recaian unha vez máis sobre a cidadanía.
