BNG denunciará no Pleno a política de propaganda do PP en vivenda protexida, con só 5 pisos rematados o ano pasado
Olalla Rodil contrapón a parálise do Executivo de Rueda ás 3.774 vivendas rematadas no 2007 ou ás 2.758 do 2008, co Bloque á fronte da Consellería.
Lamenta a negativa a comparecer do titular de Sanidade: “Preocúpalle só frear a contestación social, non garantir o dereito á saúde das galegas e dos galegos.

Vivenda, sanidade e residencias de maiores, tres dos grandes problemas que máis preocupan os galegos e as galegas, centrarán as iniciativas do BNG no próximo Pleno do Parlamento, no que a portavoz nacional, Ana Pontón, preguntaralle ao titular da Xunta sobre o mercado residencial público e as políticas neste eido do PP, que durante 17 anos paralizou a construción de pisos protexidos no País.
Tal e como adiantou a viceportavoz nacionalista tras a reunión da Xunta de Portavoces, Pontón reclamará “feitos” e non “propaganda” na construción de VPO. “A pesar de que nos últimos anos hai moitos anuncios e moita propaganda, o certo é que neste momento non hai feitos, non hai solucións concretas para a xente que precisa das administracións para acceder á vivenda porque non mercado libre non poden”, denunciou Rodil, que puxo enriba da mesa un “dato demoledor”: o ano pasado, xa en plena crise habitacional, termináronse tan só 5 vivendas protexidas en toda Galiza.
Un dato que demostra que o PP paralizou a vivenda protexida no País durante 17 anos, contribuíndo deste xeito á situación actual, na que milleiros de familias non poden acceder a un fogar polos altos prezos do mercado. De feito, argumentou a deputada, só nos anos 2015 e 2019 se acadaron peores cifras que no 2024, con apenas 2 e 4 vivendas protexidas terminadas respectivamente, segundo datos oficiais do IGVS. Estas cifras, engadiu, contrastan coas 3.774 que se terminaron no 2007 ou as 2.758 rematadas en 2008, cando a consellería nesta materia estaba en mans do Bloque.
O BNG solicitou para este Pleno a comparecencia do conselleiro de Sanidade para dar conta da situación que atravesa a sanidade pública, nomeadamente a Atención Primaria, e das propostas do Goberno galego para remediar a situación de colapso na que se atopa. Tras confirmarse o veto do PP a esta comparecencia, Rodil lamentou que Executivo estea máis preocupado de intentar desconvocar in extremis a folga do día 26 que de solucionar os problemas en Atención Primaria.
“O único que lle preocupa o PP é frear a contestación social, non garantir o dereito á saúde das persoas”, subliñou, para a continuación anunciar que malia o veto o Bloque defenderá unha moción coas súas propostas neste eido. Entre estas, retirar de maneira inmediata —non dentro de catro anos— a categoría de facultativo especialista en AP, ou convocar as prazas vacantes existentes día de hoxe.
A proposta de goberno alternativo do BNG inclúe así mesmo reverter o recorte que fixo o PP de máis de 1.600 millóns de euros, incrementando o orzamento destinado a Atención Primaria até o 25 % do orzamento sanitario, tal e como recomenda a OMS. O Bloque reclama ademais ampliar as carteiras de servizo de AP con novas garantías profesionais, especialmente psicólogas e psicólogos clínicos para mellorar a atención á saúde mental.
En canto ás residencias de maiores, o Bloque volverá a esixir “transparencia” o Goberno de Rueda, que leva dous meses impedindo que o Parlamento e os galegos e as galegas coñezan os informes e actas de inspección das residencias pechadas por Política Social en Amoeiro e Xinzo de Limia.
Referíndose ao caso concreto de Amoeiro, a viceportavoz nacionalista lembrou que a Consellería clausurou a vivenda comunitaria para maiores en outubro despois dunha inspección de Traballo e da visita da Garda Civil que destaparon as “condicións deplorábeis das persoas usuarias e que había traballadores explotados en situación de irregularidade”. Porén, un mes antes da clausura, o centro foi inspeccionado polos servizos de Política Social, sen que até o de agora se saiba que dicían os seus informes, porque o PP négase a facelos públicos.
“Se todo está tan ben, se se fai todo tan ben, por que esta ansia por tapar e oculta o que saben os servizos de inspección?”, preguntouse.
25N: mobilización contra o negacionismo da violencia machista
Coincidindo coa celebración do 25-N, Olalla Rodil aproveitou a rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces para facer un chamamento ás protestas e actos convocados polo movemento feminista arredor desta data contra a violencia machista. Unha violencia que, lembrou, asasinou a 60 mulleres en Galiza desde o 2008, mantén máis de 6.000 casos activos no sistema Viogen e fai que cada día se presenten no País 21 denuncias “que só son a punta do iceberg dunha realidade que moitas veces está silenciada e soterrada”.
Rodil animou á mobilización xunto ao feminismo para facer fronte á onda “cada vez máis forte, reaccionaria e machista” que, da man da dereita e a ultradereita, está cuestionando e negando a discriminación por razón de sexo e a violencia que se exerce contra as mulleres “polo simple feito de sermos mulleres”. “Esa é unha forma máis de violentarnos e de poñer en cuestión o noso dereito fundamental a ter unha vida libre”, concluíu.
