«Rexeitamos a tentativa da Xunta de expulsar as organizacións ecoloxistas e as comunidades de montes veciñais do Consello da Minería de Galicia»
- Os colectivos sociais abaixo-asinantes rexeitan a decisión unilateral da Xunta de Galicia de excluir as organizacións de defensa da natureza e das comunidades de montes veciñais do Consello da Minería de Galicia, do que forman parte desde que o órgano foi establecido en 2008 mediante a Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría de Galicia.
- Se ben a lei actualmente en vigor garante a presenza destas organizacións no principal órgano de participación, consulta e asesoramento en materia de minas, a Xunta, mediante nova Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta que se tramita no Parlamento, pretende expulsalas definitivamente e de xeito subrepticio.
Para as entidades sociais asinantes, esta medida supón un atropelo ao dereito da sociedade civil de estar informada e participar nas decisións relativas a un sector cuxas actvidades supoñen un impacto innegable sobre os ecosistemas e a saúde das persoas. Consideran que se trata ademais dunha medida ilegal, pois contravén a Convención de Aarhus que regula os dereitos de participación en materia ambiental e o principio de non regresividade en relación aos dereitos ambientais adquiridos.
A expulsión dos colectivos ambientais e das comunidades de montes veciñais dun órgao consultivo do que forman parte por lei supón unha medida sen precedentes na historia da administración autonómica, e parte dunha estratexia orquestada de marxinalización e deslixitimación destes colectivos, que xa ficou patente na a “Axenda de Impulso da Minaría Sostible de Galicia 2030” aprobada fai un ano pola Xunta. Naquel documento a Administración refería repetidamente o “ecoloxismo radical” e o “forte activismo das asociacións ecoloxistas” como “ameaza”, mentres se critica a existencia dunha “mobilización social promovida por grupos con intereses moi distintos aos intereses locais e do entorno”, en alusión aos colectivos sociais e veciñais opostos a determinados proxectos ambientalmente nocivos como as minas de Touro, San Finx, Muras, Penouta ou Doade.
É notorio, ademais, o momento en que se toma esta decisión, 16 anos despois da entrada en vigor da lei de ordenación da minaría, pois a tentativa de expulsión prodúcese cando o Consello da Minaría deberá informar o Plan sectorial de actividades extractivas que pretende impulsar a Xunta e cando se anunciou un concurso de dereitos mineiros sen precedentes por todo o territorio galego. As entidades asinantes sinalan que o proxecto de lei inicialmente presentado non afectaba á composición de dito órgano, o que evidencia a intervención do propio lobby mineiro para excluir as entidades ecoloxistas e de montes veciñais. Pola contra, consideran que o Consello da Minaría debe abrirse á sociedade, incluíndo outros colectivos como as confrarías, organizacións agrarias e plataformas de afectadas e ser o máis diverso e plural posible.
Eliminar a sociedade civil destes espazos de participación é unha práctica habitual da Xunta de Galicia, e con ela preténdese debilitar o acceso a información e o exercicio dos dereitos da cidadanía nun contexto onde cada vez se atenta mais contra ela.
Os colectivos asinantes veñen de solicitar reunións con todos os grupos do Parlamento de Galicia para demandar a retirada inmediata desta medida sen precedentes e non descartan iniciar accións xudiciais no caso de que finalmente se aprobe a lei nestes termos. Advirten igualmente que a exclusión das entidades defensoras do ambiente e territorios veciñais nos que se pretende impor unha nova vaga de proxectos mineiros non freará a resistencia e oposición social frente este tipo de actividades destructivas e nocivas.
Organizacións asinantes:
- ADEGA
- Amigas da Terra
- Confraría de Pescadores de Noia
- Ecoloxistas en Acción
- Federación Ecoloxista Galega
- Fundación Montescola
- Greenpeace
- Organización Galega de Comunidades de Montes
- Plademar Muros-Noia
- Sindicato Labrego Galego
- Sociedade Galega de Historia Natural
- Verdegaia
Referencias:
- Artigo 8.1 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia: “Regulamentariamente determinarase a composición do consello, no que estarán integrados representantes das administracións, das organizacións sindicais e empresariais máis representativas do sector, das asociacións de defensa da natureza, das comunidades de montes en man común, dos concellos mineiros, dos colexios profesionais competentes en materia mineira e da Cámara Oficial Mineira de Galicia.”
- Artigo 36 do Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas de 2024: Exclúense as das organizacións representativas das asociacións de defensa da natureza e das comunidades de montes en man común.