BNG acusa a Rueda de dar un “novo golpe antidemocrático” para controlar politicamente o Instituto Galego de Estatística
Noa Presas denuncia a manobra do PP para eliminar a representación da oposición, reducir a de colectivos sociais e colocar máis persoas a dedo.

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, denuncia “o novo golpe democrático” que o Goberno de Alfonso Rueda está a piques de dar para intentar controlar politicamente o Instituto Galego de Estatística (IGE) cunha modificación “pola porta de atrás”, a través da Lei de Acompañamento, para eliminar a representación da oposición e reducir a de colectivos socias.
Trátase, afirma, dun novo paso do PP para afondar no “baleirado” do sistema público poñendo en cuestión organismos e órganos de autogoberno “que até o de agora mantiveron na independencia o seu eixo central de actuación e asesoramento”. “Cuestionan o IGE, a Valedora do Pobo, o Consello da Cultura, o Consello de Contas e, en suma, todo o que non sexa directamente controlado polo PP”, reproba.
“Todo isto encaixa coas críticas do Goberno de Rueda ao Instituto Galego de Estatística por enquisas como a referida ao coñecemento e uso do galego, chegando o PP ao punto de negar a certeza dos datos sobre a perda de galegofalantes”, sostén a deputada do BNG. Lembra, ademais, que hai uns meses o Executivo do PP xa decidiu que o IGE deixase de depender organicamente da Consellería de Facenda para integrarse no organigrama da Consellería de Presidencia, que é a consellería de maior control político”.
Segundo explica Presas, o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas que acompaña aos Orzamentos recolle modificacións legais para eliminar a representación do pluralismo político do Parlamento no Consello Galego de Estatística —máximo órgano consultivo da estatística en Galiza— e para avanzar no control político da información que xera o IGE.
Verán reducida ademais a súa participación actual o Consello Galego de Cámaras, o Consello Agrario, as confrarías de pescadores, o Consello Galego de Consumidores e Usuarios. Desaparece, así mesmo, a persoa titular da Presidencia da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións e os dous postos da Administración xeral do Estado. A Xunta, pola súa contra, pasará de poder nomear “a dedo” de dous a oito persoas expertas.
Presas critica non só o fondo dos cambios se non tamén a forma, posto que o PP decide suprimir a representación parlamentaria no Consello de Estatística pola porta de atrás, pasando o rodete da súa maioría absoluta e tan só uns meses despois de terse ratificado coa aprobación, en decembro de 2024, da nova Lei de Estatística de Galiza.
Apenas tres meses despois de se aprobar a nova norma, o Goberno de Rueda xa anunciou outros cambios “profundos e significativos” que facían saltar a alerta sobre a súa intención de exercer o control político máis directo do IGE desde Presidencia e de abrir a porta a privatizar funcións de xestión da información que coliden coa actividade deste organismo, posibilitando que información sensible sexa tratada por empresas privadas, recalca a portavoz nacionalista de Facenda.
É por todo isto que o Grupo do BNG xa rexistrou unha iniciativa para que o Parlamento galego exprese, por resolución, o rexeitamento da proposta do Goberno galego de eliminar a representación consolidada do pluralismo político da Cámara no Consello Galego de Estatística e de avanzar no control político da estatística galega, así como para demandar a súa rectificación.
