A CIG rexeita o acordo do ERE extintivo de Televés e denuncia a súa “falta de xustificación”
- Cuestiona o cambio de posicionamento da UGT que acabou asinando o acordo coa empresa.

A CIG-Compostela manifesta o seu “rotundo rexeitamento” ao acordo alcanzado entre Televés SAU e a maioría da Representación Legal dos Traballadores (RLT), liderada por UGT, sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo presentado pola empresa. A CIG denuncia que “a empresa non conseguiu acreditar as causas esgrimidas” para xustificar unha medida tan drástica, tras un “minucioso estudo” da documentación presentada.
Segundo a CIG, nin as causas económicas, nin as produtivas, nin as organizativas foron acreditadas. “A documentación aportada non fixo máis que afianzar a nosa posición”, afirma a central, destacando que Televés recoñeceu durante o proceso a “fortaleza económica da compañía”. A empresa limitouse a ofrecer “discursos e argumentos catastrofistas sobre o futuro” sen probar as causas, e mesmo demorou a entrega de documentación esencial, o que obrigou a ampliar o período de consultas para un estudo rigoroso.
A central sindical, nun “exercicio de responsabilidade”, propuxo alternativas aos despidos forzosos, como “adscricións voluntarias ao expediente” ou un ERTE con condicións negociadas, pero todas foron rexeitadas por Televés, que insistiu en que “a única alternativa” eran os despidos. A central criticou que, na reunión do 21 de abril, a empresa ameazou con executar o ERE “con acordo, sen acordo, ou mesmo con despidos individuais”.
UGT muda a súa postura para asinar coa empresa
Cuestiona ademais a postura de UGT, que inicialmente compartiu a visión da CIG, rexistrando en acta que “tampouco concorrían as causas” e propondo medidas alternativas. Porén, “ao final do proceso”, UGT mudou a súa postura para asinar o acordo coa empresa, unha decisión que a CIG lamenta. “Os compañeiros de UGT estiveron de acordo coa nosa visión durante todo o proceso”, sinalou a central.
A CIG pon en cuestión os criterios de selección dos traballadores afectados, que inclúen “persoas especialmente vulnerables por razóns de saúde”, especialmente na área de fabricación. Estes criterios “non responden ás presuntas causas” alegadas por Televés e afectan maioritariamente a “traballadores de base, sen responsabilidades dentro da corporación”. A central denuncia que o proceso carece de xustificación e transparencia, agravando o impacto social do ERE.
A CIG reafirma o seu compromiso coa defensa dos dereitos laborais e esixe que Televés reconsidera a súa postura, priorizando solucións que eviten despidos e respecten as condicións dos traballadores. A central chama á mobilización para frear este tipo de medidas “inxustificadas” e seguirá loitando por un modelo laboral xusto en Galiza.