‘Altri Non’ celebra a vitoria contra a macrocelulosa pero advirte que aínda fica o golpe de graza
A coordinadora galega, conformada polas organizacións sociais do país contrarias á macrocelulosa, anuncia novas accións mobilizadoras que procuren garantir o arquivo real e definitivo do proxecto de Altri en Palas de Rei.

Os colectivos e entidades que conforman, xunto coas plataforma Ulloa Viva, na Defensa da Ría de Arousa e contra a Mina de Touro-O Pino, a Coordinadora galega “Altri Non”, motor das multitudinarias manifestacións en contra da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, reuníronse esta semana para facer unha valoración conxunta do anuncio do arquivo do proxecto de Greenfiber por parte da Xunta de Galiza e decidir que novas accións mobilizadoras dispoñer nos vindeiros meses.
As organizacións sociais que conforman o movemento “Altri Non” conveñen en considerar o anuncio de arquivo do proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei como un trunfo indiscutíbel e histórico da vontade do pobo galego, dunha mobilización social permanente e da defensa a teimuda do territorio galego fronte os intereses do capitalismo, da industria depredadora e dun goberno do PP sometido absolutamente ao ditado do capital.
A coordinadora de colectivos atribúe a causa da tan agardada derrota de Altri á contundente resposta de repulsa e participación masiva do pobo galego en todas as mobilizacións convocadas ao berro de “Altri Non”, e á súa determinación inquebrantábel de chegar até o final, por todos os medios democráticos dispoñíbeis, para impedir a autorización do proxecto. Parabeniza así a todas as persoas, colectivos, entidades que contribuíron dunha ou doutra forma a acadar este fito e, en especial, ás plataformas máis directamente afectadas – Ulloa Viva e á Plataforma na defensa da Ría de Arousa- sen cuxa perseveranza, alento, traballo e paixón na defensa do río Ulla e das súas xentes non teríamos acadado esta vitoria.
Porén, a coordinadora cualifica esta vitoria como inconclusa xa que o arquivo do proxecto aínda non se fixo efectivo. Previamente, a Xunta de Galiza debe resolver a denegación tanto da autorización ambiental integrada (AAI) do proxecto como do expediente de concesión de augas. Mentres isto non aconteza, a macrocelusosa de Altri aínda representa unha ameaza para o noso país.
Así pois, o movemento colectivo “Altri Non” chama á cidadanía galega a non baixar a garda ante a posíbel tentación da Xunta de Galiza de arquivar “en falso” o expediente e permitir que no futuro Altri, ou calquera outra empresa especuladora e depredadora do territorio, poida recuperar e executar o proxecto.
Neste senso, a coordinadora manifesta a súa vontade de seguir na loita e anuncia para a vindeira semana o comezo dunha nova campaña de presión social que obrigue ao goberno de Alfonso Rueda a sentenciar definitivamente o proxecto e que alente ao pobo galego a seguir mobilizándose até o final na defensa do río Ulla e do interese público, tamén fronte a outros proxectos contaminantes e destrutivos que ameazan con facerse realidade nos vindeiros meses como é a mina de cobre de Touro-O Pino.
No marco desta nova xeira de accións non se descarta a convocatoria de novas accións mobilizadoras a comezos do mes de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente e co prazo límite dado polo goberno de Rueda á empresa promotora -Altri- para presentar alegacións contra o arquivo do proxecto. Daquela veremos reveladas no papel as intencións reais da Xunta de Galiza e se fai desaparecer definitivamente a peor ameaza ambiental e social do país da última década. Se a Xunta non cumpre, farase un novo chamado ao pobo galego a que faga valer nas rúas do país a súa vontade e dignidade colectivas.
*Conforman a Coordinadora galega “Altri Non”: os colectivos veciñais Plataforma Ulloa Viva, Plataforma na defensa da Ría de Arousa e Plataforma contra a Mina de Touro-O Pino; as organizacións ecoloxistas APDR, ADEGA, FEG, SGHN, Verdegaia, AGCT, Amigas da Terra, Greenpeace e EEA; os sindicatos CIG, Fruga, SLG e a Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común.
