Redacción •  Galicia •  27/01/2026

Alertan que a Ría de Ferrol atéigase de vertidos de toalliñas húmidas

  • A xente mariñeira de Ferrolterra alertan que a Ría de Ferrol atéigase entre vertidos e toalliñas húmidas.
Alertan que a Ría de Ferrol atéigase de vertidos de toalliñas húmidas

A Ría de Ferrol sufre unha contaminación inaceptable malia os millóns investidos no seu saneamento. Décadas de vertidos urbanos e industriais degradaron os ecosistemas mariños, pecharon bancos marisqueiros e castigaron o sector pesqueiro artesanal, mentres as administracións seguen sen dar unha resposta eficaz.

Un dos símbolos máis visibles desta mala xestión son as toalliñas húmidas, residuos plásticos que chegan ao mar a través do saneamento. Non son biodegradables, poden tardar séculos en desaparecer e fragmentan en microplásticos que xa están a entrar na cadea alimentaria humana.

Durante episodios de choiva intensa, as estacións depuradoras seguen a verter sólidos ao medio mariño. Pescadores da zona entre Prioriño Chico e Prioriño Grande denuncian que recollen nas redes auténticas marañas de toalliñas e lixo mesturado co peixe. Hai xornadas perdidas, aparellos inutilizados e perdas económicas directas.

Non se trata dun problema anecdótico, senón dun fallo estrutural do sistema de saneamento e dunha falta de control por parte das administracións. Cada desbordamento é unha agresión á ría, á biodiversidade e á saúde pública.

Os microplásticos procedentes destas toalliñas transportan substancias tóxicas que poden alterar o sistema hormonal dos organismos vivos e acumularse no corpo humano. A contaminación da ría xa non é só un problema ambiental, é tamén un grave problema de saúde pública.

Ecoloxistas en Acción esixe CERO vertidos sen tratar:

  • Auditorías reais das EDAR e Control público efectivo da Xunta de Galicia.
  • Redución drástica dos produtos plásticos de uso cotiá e responsabilidade das empresas produtoras de toalliñas.

vertidos /