A CIG acusa a conselleira de Política Social de practicar “machismo institucional” ao manter as mulleres traballadoras en condicións indignas
- A central rexeita as graves afirmacións de Fabiola García criminalizando a loita do persoal dos SAF e das residencias de maiores privadas

A federación de Servizos da CIG acusou hoxe a conselleira de Política Social, Fabiola García, de practicar “machismo institucional” ao manter a maioría de mulleres traballadoras “en condicións laborais indignas, con salarios baixos e contratos precarios”. A central responde deste xeito ás graves afirmacións expresadas onte pola responsábel autonómica criminalizando a loita do persoal dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e das residencias de maiores e centros de día privados. “Sorprende a absoluta falta de sensibilidade dunha conselleira responsable da precarización dun sector de coidados entregado ao lucro empresarial e no que acontecen sucesos tan graves como a recente morte da compañeira Teresa no SAF do Porriño”.
Dende a CIG-Servizos lembran que as empregadas do sector de coidados levan meses mobilizándose ante a situación de parálise dos seus convenios colectivos, xa que as patronais néganse a negociar “coa sorprendente complicidade da conselleira” a pesar de que a Xunta é a máxima responsábel da atención ás persoas dependentes, “un sistema que está a ser desmantelado pola Administración galega e polas as empresas privadas”.
Neste senso, inciden en que todas as reivindicacións laborais ou críticas que desde a CIG se realizan a empresas ou Administracións públicas “son sempre sindicais e políticas, nunca persoais”. De xeito que as accións e protestas que se están a dar no marco deste conflito van dirixidas á responsabilidade institucional que a conselleira Fabiola García representa como máxima responsábel da Política Social da Xunta. “Denunciamos a súa inacción ante a precariedade nas residencias privadas, centros de día e SAF; a falta de control sobre os servizos externalizados; e o abandono do persoal que coida das persoas máis vulnerables.
Tamén fan fincapé en que “reivindicar, protestar ou manifestarse non é acosar”. A CIG leva meses mobilizándose de forma “pública, pacífica e argumentada”. As protestas en actos institucionais son lexítimas e forman parte da liberdade sindical e de expresión. Son parte das ferramentas que teñen as milleiras de mulleres que prestan servizos de atención nos coidados as persoas dependentes. “Rexeitamos e condenamos que se criminalicen as protestas sociais e as xustas reivindicacións das traballadoras deste sector, porque non é aceptábel dunha máxima responsábel política pretender presentarse como vítima confundindo crítica e defensa dos dereitos laborais con ataques persoais, nunha clara estratexia para intentar tapar as consecuencias da súa nefasta xestión”.
Insisten en que “sexismo é precarizar un sector feminizado”. E que o verdadeiro “machismo institucional” é manter a maioría de mulleres traballadoras en condicións indignas, con salarios baixos, contratos precarios e desleixo do seu desempeño laboral, que é esencial na atención ás persoas máis necesitadas.
En consecuencia, adiantan que a central sindical non vai desistir das “xustas reivindicacións” das milleiros de empregadas do sector de coidados. “As traballadoras non cesarán de loitar polos seus dereitos laborais. Seguiremos denunciando a inacción e a falta de vontade política para dignificar o sector da dependencia, a atención domiciliaria e os coidados. Seguiremos esixindo que se escoite ao persoal, que se melloren as condicións laborais e que se poña fin á mercantilización dos coidados”.
De igual xeito, aseguran que a CIG non vai calar, “máxime cando acabamos de coñecer o proxecto de orzamentos para 2026, e podemos afirmar que seguen a perpetuar a precariedade no sector dos coidados, xa que non se incrementan o necesario para dotar de condicións dignas o sector”. Ademais, trátase de partidas orzamentarias que non están pechadas, polo que en calquera momento pódense mover contías millonarias para outros servizos, “como aconteceu hai nada na partida destinada ao SAF, da que a Xunta detraeu 17 millóns de euros”.
Modelo asistencialista de servizos sociais
Para a central sindical, con este tipo de políticas séguese a camiñar cara a un modelo asistencialista de servizos sociais co que se pretende que os coidados recaian de novo nas mulleres da familia e non se avanza cara a un Sistema Público Galego de Servizos de Atención as Persoas, “que é o que demandamos”.
Por iso instan a Xunta a asumir dunha vez a responsabilidade coas traballadoras de coidados. “Porque as vítimas reais son elas, as que coidan, as que dan a cara e as que agora están en pé defendendo a dignidade do sector. Os SAF leva dende 2012 sen convenio e as residencias dende 2023, con condicións precarias e con salarios inxustos. Estes sectores só son esenciais para os intereses das empresas e da Administración, pero non o son para a súa dignidade, para a súa seguridade e para a súa vida”.
Ao mesmo tempo, lembran que a día de hoxe aínda non se trasladou por parte da Xunta o protocolo ante situacións de agresións e violencia nos SAF anunciado o pasado 13 de outubro polo presidente autonómico, “o que demostra a irresponsabilidade e desinterese por parte da Administración, nomeadamente da Consellaría de Política Social e Igualdade”.
Polo que reclaman do departamento autonómico que se poña á fronte para desbloquear a negociación dos convenios colectivos, “e que asuma a súa responsabilidade e coordine a elaboración -na mesa de traballo creada ao efecto na FEGAMP- dun protocolo con medidas reais e efectivas para garantir a seguridade e a vida das traballadoras do SAF”.
