O Comité Intercentros da CSAG esixe o cesamento dos xefes de informativos pola “inacción deliberada” na cobertura dos incendios

O comité lembra que os medios públicos estiveron “desaparecidos” nunha crise histórica, acusa á dirección de seguir un mandato institucional para ocultar a gravidade dos lumes e urxe á directora xeral, Concha Pombo Romero, a asumir en primeira persoa a xestión da emerxencia e recuperar a función de servizo público.
O Comité Intercentros da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), entidade que agrupa ao persoal de TVG e Radio Galega, vén de facer pública unha contundente reproba á xestión informativa da actual dirección. Nun comunicado asinado o 18 de agosto de 2025 en San Marcos, o comité acusa aos responsables dos servizos informativos de estar “desaparecidos do papel que deben xogar como primeira fonte de información de servizo público” nun contexto de crise sen precedentes na comunidade.
Segundo o texto, a cobertura dos incendios que arrasan Galicia adoleceu de “inacción deliberada”. En primer lugar, apuntan a “incompetencia” nun primeiro momento e logo, citan, “por seguir o mandato do goberno da Xunta de ocultar a gravidade da situación”, o que condicionou o contido e a orientación dos informativos.

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, en unas declaraciones el pasado jueves en Verín (Ourense)Xunta de Galicia
O comité lamenta que os “especiais informativos” difundidos estes días reproducisen información en bucle, sen ofrecer unha cobertura completa, detallada e actualizada, e ve nesa escasa profundidade un intento de “disfrazar a nefasta cobertura realizada para xustificarse no Parlamento”, en minutos que non cumpriron coas expectativas cidadás.
Nunha enérxica reclamación, esíxese o cesamento inmediato de Alejandro López Carballeira e Marta Darriba Quintián, director e subdirectora dos servizos informativos da CSAG, “considerados desautorizados” para liderar un equipo que vive sentimentos de “vergoña, impotencia e carraxe” pola “desidia e irresponsabilidade” dos seus superiores, que obrigaron á audiencia a recorrer a medios estatais para acceder a información de servizo público.
Ademais, o comunicado insta á nova directora xeral, Concha Pombo Romero, nomeada recentemente, a “asumir en primeira persoa a xestión da crise” e a substituír aos directivos cuestionados por “profesionais da redacción capaces de liderar” unha resposta informativa rigorosa e axustada á situación. O obxectivo é recuperar o papel público da corporación, con programación centrada na crise dos incendios e unha información útil, completa e actualizada, ofrecida “minuto a minuto e desde todas as frontes” á poboación.

CUT CRTVG
O comité tamén denuncia que a situación desta fin de semana evidenciou o desmantelamento progresivo das delegacións territoriais da CSAG —responsables de achegar contido local experto— e sinala que, coa delegación de Ourense en cadro, resulta “difícil cubrir axeitadamente” o que acontece nas aldeas afectadas, moitas veces desaloxadas ou arrasadas polos lumes.
Conclúe o comunicado coa aposta clara por un cambio de rumbo: a representación legal do persoal confía en que a dirección xeral recupere o compromiso coa radiotelevisión galega como servizo público, devolva o orgullo ao traballo diario das e dos profesionais e abandone “o papel propagandístico dos intereses do goberno da Xunta”, colocando os medios “ao servizo dunha cidadanía que atravesa unha situación extrema.