A CIG impugnará o ERE de Einsa Print por fraudulento
- A empresa comunicou este xoves a súa decisión de executar os 100 despedimentos.

A CIG procederá a impugnar en vía xudicial o expediente de regulación de emprego de Einsa Print por entender que carece de causas obxectivas. A empresa comunicou este xoves a súa decisión de executar o ERE e despedir a 100 persoas traballadoras. Esta medida suporá o cese definitivo da actividade de artes gráficas na planta das Pontes.
Segundo a comunicación remitida á comisión negociadora, até o 8 de agosto, a empresa despedirá a 79 persoas, mentres que os restantes 21 despedimentos se executarán até o 31 de marzo. Ademais, Einsa Print teima no abono das indemnizacións en dous prazos, algo que o persoal traballador rexeitou de plano por falta de garantías económicas e por entender que a dirección pretende utilizar os cartos dos traballadores e traballadoras para financiar o cambio de actividade.
Neste sentido, a CIG-Industria de Ferrol reitera que non existen as causas sobrevidas alegadas pola empresa e que o único obxectivo da dirección é desfacerse do persoal para mudar de actividade “e dar un pelotazo a conta dos terreos que adquiriu a prezo moi vantaxoso e das naves que construíu con substanciosas axudas públicas”.
A mala fe da empresa e a nula vontade para buscar alternativas menos traumáticas quedou en evidencia esta mesma semana cos intentos da dirección de utilizar a administración galega para un conato de mediación, “despois de pecharse o período de consultas sen acordo e sen poder ampliar o prazo de negociacións porque Einsa Print se negou de plano”. Para a CIG resulta obvio que esta manobra era unha chantaxe da empresa, co único obxectivo de forzar un acordo e evitar así que o ERE sexa impugnado nos xulgados.
Hai que lembrar que Einsa Print foi a primeira empresa que se instalou no Polígono de Penapurreira ao abeiro do plan de desenvolvemento polo peche da mina e que na última década os seus traballadores e traballadoras asumiron continuos axustes laborais e salariais para facilitar a continuidade da actividade produtiva. Agora que a propiedade xa non ten interese no sector das artes gráficas dálle unha patada ao persoal e deixa na rúa a cen familias.
Por iso, tal e como anunciara, a CIG impugnará o ERE demandando que se declare a súa nulidade e insta a Inspección de Traballo a ter en conta todas as consideracións trasladadas pola parte social na elaboración do pertinente informe.