Redacción •  Galicia •  26/03/2026

Veto do PP á proposta de declaración institucional do BNG en apoio da cesión de Meirás e o seu uso como lugar de memoria

Bará acusa os populares de abrir a porta á indemnización e sostén que, por decencia democrática, son os Franco quen deben pagarlle ao pobo galego.

Veto do PP á proposta de declaración institucional do BNG en apoio da cesión de Meirás e o seu uso como lugar de memoria

O BNG negociou até o final do Pleno a  súa proposta de declaración institucional en defensa da cesión a Galiza do pazo de Meirás e do seu uso como lugar de memoria democrática. Unha declaración que rexeitaba ademais a indemnización á familia Franco polo pazo e que finalmente o Partido Popular vetou, a pesar da xenerosidade do grupo nacionalista —disposto a introducir cambios e incluso suprimir puntos da súa proposta inicial— para propiciar o acordo.

A proposta nacionalista incluía, entre outras cuestións, a defensa da cesión modal á Xunta do pazo para convertelo en lugar de memoria democrática, sendo este punto rexeitado polos populares.  O BNG, tal e como recolle a súa proposta, buscaba ademais o recoñecemento da recuperación da titularidade pública de Meirás como un “feito histórico” e un “logro colectivo do pobo galego”. 

Oporse a unha compensación económica á familia do ditador —en coherencia co acordo adoptado no 2017 polo Parlamento no que se reclamaba a recuperación para o patrimonio público do pazo “sen que implique un novo custo para o pobo galego, que xa o asumiu no ano 1938”— figuraba como segundo punto da declaración negociada polo Bloque.

Malia a disposición ao acordo do BNG, o PP deixou finalizar o Pleno sen que se aprobase a declaración sobre Meirás. Un asunto que foi tamén obxecto de debate nunha pregunta formulada ao conselleiro de Cultura polo deputado Luís Bará, que acusou os populares de intentar que “desapareza de Meirás calquera referencia á memoria histórica democrática”, tal e como se fixo coa Illa de San Simón. 

Na súa intervención, Bará apelou aos populares a apoiar “por decencia democrática” a declaración institucional que, subliñou, recollía achegas do grupo maioritario cunha idea “resumida en seis palabras: nin un euro para os Franco”. 

“Señorías do PP, non hai que indemnizar os Franco, teñen que pagar eles polo roubo sistemático que levaron a cabo en Meirás e en outros lugares durante corenta anos de franquismo e tamén durante 45 anos de democracia”, salientou o viceportavoz no Parlamento do BNG. Acusou os populares de abrirlle a porta á indemnización mediante un informe encargado por Núñez Feijóo cando era presidente da Xunta que foi clave na sentencia do Supremo que confirma a recuperación do pazo para o patrimonio público.   

Bará amosouse convencido de que no PP son en realidade favorables a pagar a indemnización, e alegou que a Xunta “xa lles pagou aos Franco nada máis e nada menos que 43.200 euros por abrir o pazo nos anos 2011 e 2012, malia que o tiñan que facer obrigatoriamente por ser Ben de Interese Cultural”, recalcou Bará  

“A vostedes nos lles importa volver pagar porque vai no seu e na súa ideoloxía”, sostivo o deputado nacionalista, subliñando que a “boa fe posesoria” que se recolle na sentenza do TS vén non só do informe encargado por Feijóo senón tamén “da conivencia do Estado, empezando pola monarquía franquista e corrupta, coa familia Franco durante 45 anos”. “Daqueles pos, esta lameira”, lamentou mentres ensinaba unha fotografía dos Borbóns en Meirás xunto ao ditador Francisco Franco.   

“Non é unha cuestión xurídica, non é unha cuestión técnica, é unha cuestión de decencia democrática”, engadiu Bará, que concluíu subliñando que os galegos non poden pagar “nin un só euro” aos Franco e que deben ser os Franco quen paguen por “roubar, espoliar e beneficiarse durante décadas dun ben do pobo galego”. 


Pazo de Meirás /