O sector galego das conservas de peixe clama na rúa por melloras laborais
Centos de persoas traballadoras participaron na manifestación convocada pola CIG en Vilagarcía para reclamar un convenio colectivo xusto

O persoal do sector galego das conservas de peixe e marisco volveu dar hoxe mostra da súa capacidade de mobilización na defensa dos seus dereitos laborais malia a “traizón” dos sindicatos estatais CCOO e UGT, que a última hora decidiron descolgarse das protestas a pesar das propostas de convenio regresivas da patronal e da mediación. Centos de persoas participaron na manifestación convocada pola CIG en Vilagarcía de Arousa para reclamar unha mellora das condicións de traballo coa sinatura dun acordo que contemple unha suba salarial digna e un sistema de clasificación profesional común, transparente e con dereitos que remate coas discrecionalidades e as arbitrariedades nos centros de traballo.
A marcha arrincou da Praza Ravella ás 11:30 horas e rematou arredor dunha hora despois na Praza de Galiza tras percorrer as principais rúas da localidade arousá ao berro de “Convenio digno para a conserva” e “Ao igual traballo, igual salario”.
No manifesto final, lido por varias traballadoras do sector, lembrábase que a “intransixencia” do empresariado “é a que nos trouxo até aquí”. Mais tamén unha nova “traizón” de CCOO e UGT, que coa súa actitude “boicotean” os esforzos realizados nos últimos anos para completar unha clasificación profesional “clara e xusta”. A CIG defende un modelo común, transparente e con dereitos, onde ninguén cobre menos por un traballo de igual valor. “Por iso demandamos unidade e dignidade para o sector da conserva. Non podemos permitir que continúen as discrecionalidades e as arbitrariedades nos distintos centros de traballo”.
Tamén se denuncia que o asinado recentemente baixo a denominación de “acta da aprazamento” en realidade é un “preacordo de despacho” que non recolle as principais reivindicacións do persoal do sector, que non mellora as condicións de traballo e consolida a precariedade durante seis anos (2025-2030). “Un convenio con esta vixencia é un regalo para a patronal e unha condena para as persoas traballadoras. Pero advertimos: imos pelexar empresa por empresa as melloras que merecemos, como unha suba salarial que compense a perda de poder adquisitivo, o recoñecemento real das categorías, unha redución de xornada, que o descanso do bocadillo sexa considerado tempo efectivo de traballo e condicións de traballo respectuosas coa nosa saúde”.
No manifesto tamén se rexeita que as negociacións do convenio sexan en Madrid, cando a maioría das empresas e das persoas traballadoras están en Galiza. “Queren negociacións a distancia, lonxe das fábricas, para que lles resulte máis fácil asinar acordos beneficios para a patronal e prexudiciais para nós”. Por iso a CIG insiste dende hai anos na necesidade de negociar un convenio galego de sector.
A clasificación profesional pactada “é un anuncio que vai quedar en nada, xa que son as empresas as que teñen a capacidade de decidir e de introducir trampas para seguir pagando menos polo mesmo traballo”. Neste punto a CIG demanda establecer claramente en que nivel se sitúa cada categoría e asignar ao persoal a cada nivel en función da súa categoría actual e do traballo que realmente realiza. E complementos obxectivos e regulados no convenio: quendas, frío, perigosidade, movementos repetitivos. “Xa que é débeda histórica con este sector que se lle recoñeza ao persoal de fabricación condicións e coñecementos específico”.
Igualdade entre mulleres e homes
O manifesto facía especial fincapé no feito de que mentres o noso país é o primeiro produtor europeo de conservas de peixe o persoal do sector -maioritariamente mulleres- segue á cola en dereitos laborais e salariais. “Non podemos aceptar como sociedade que os traballos na conserva estean segregados en función do sexo, e menos aínda que o traballo que están realizando as mulleres continúe minusvalorado”. Polo que se esixe a equiparación salarial entre mulleres e homes de xeito inmediato para rematar coa discriminación salarial que sofren as mulleres deste sector.
Diante disto, fíxose un chamamento a seguir presionando a patronal e os sindicatos estatais para que non asinen “esta barbaridade” de preacordo, “porque aínda estamos a tempo de evitar que o ratifiquen o vindeiro 2 de febreiro”. Con este obxectivo a CIG ten convocada unha asemblea de persoas delegadas do sector para este luns 26 no Auditorio de Vilagarcía ás 10:30 horas e unha posterior concentración na Praza da República, fronte ao edificio municipal, ás 12:00 horas, coincidindo cunha comparecencia diante dos medios de comunicación para informar das dúas xornadas de folga convocadas na conserva para os vindeiros días 27 e 28.
“Ademais de roubarnos o convenio e secuestralo ate 2030, os sindicatos estatais tamén boicotearon a folga, unha das ferramentas máis potentes que temos as persoas traballadoras para loitar e mellorar as nosas condicións laborais. Boicotearon a negociación final deste convenio colectivo e traizoaron a CIG querendo relegala; pero o que aínda é máis grave: traizoaron as súas representacións sindicais nas empresas e as súas propias bases”.
