Redacción •  Galicia •  25/12/2025

Néstor Rego acusa Felipe de Borbón de ignorar os problemas da xente e centrarse só en salvar a lexitimidade da Transición

  • “Felipe de Borbón parece moito máis preocupado pola desafección política das institucións españolas que teñen a súa lexitimidade na chamada Transición” di Rego.
Néstor Rego acusa Felipe de Borbón de ignorar os problemas da xente e centrarse só en salvar a lexitimidade da Transición

O Bloque Nacionalista Galego cualifica o discurso de Felipe de Borbón como “máis unha evidencia de que a monarquía, alén de ser unha institución anacrónica, está afastada das preocupacións reais da cidadanía e das clases populares. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala que esta distancia pon en evidencia que a monarquía borbónica debe ficar atrás porque non representa ningunha solución para para os intereses das clases populares galegas nin do conxunto do Estado español.

Para o deputado do BNG, é curioso que sinale que hai 50 anos o inicio da democracia datándoa na coroación do seu pai, Juan Carlos de Borbón –coroado polas cortes franquistas- seguindo o desexo do ditador Franco que previamente o tiña designado como herdeiro da xefatura do Estado. “A partir de aí, unha louvanza da Transición, da Constitución e de Unión Europea” apunta Rego.

“Esquece que no caso da Galiza a Constitución estabelece serias limitacións democráticas e néganos como nación e os dereitos que nos corresponden. Na Transición está na base de moitos problemas cos que nos atopamos hoxe en día, especialmente no que ten haber coas restricións de liberdades democráticas existentes. Tamén esquece que a Unión Europea, no caso da Galiza, limitou a capacidade produtiva no noso País en sectores estratéxicos como o agrogandeiro ou pesqueiro e que, aínda a día de hoxe, as políticas europeas representan unha ameaza para os nosos sectores produtivos” puntualiza o deputado do BNG.

En opinión de Néstor Rego, non deixa de ser significativo que os principais problemas cos que se encontra a cidadanía a día de hoxe estiveron ausentes no discurso do monarca. “Liquidounos cunha simple mención: a carestía da vida e o prezo da vivenda. Felipe de Borbón parece moito máis preocupado pola desafección política das institucións españolas que teñen a súa lexitimidade na chamada Transición” lamenta Rego, sinalando que a maior parte do tempo do discurso foi empregado para analizar este aspecto.

“Esta distancia cos problemas reais da xente pon en evidencia que a monarquía borbónica debe ficar atrás porque non representa ningunha solución para os intereses das clases populares galegas nin do conxunto do Estado español” conclúe Rego.


monarquía /