Redacción •  Galicia •  25/09/2025

San Breixo inicia o camiño para se converter en Lugar de Memoria

San Breixo inicia o camiño para se converter en Lugar de Memoria

180 familiares de presos soterrados no cemiterio apoian a petición do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova ao Estado.

Hixinio Araúxo, presidente do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, rexistrou este luns o escrito dirixido á Secretaría de Estado de Memoria Democrática instando á declaración do cemiterio celanovés de San Breixo como Lugar de Memoria.

A sinatura do presidente acompañou ás de 180 familiares de vítimas da represión soterradas no camposanto entre 1936 e 1943. A relación de familiares encabézaa Gerardo Testera Tovar -veciño de Ourense e neto de Gerardo Tovar Gris, palentino falecido na Prisión Central de Celanova o 14 de abril de 1941-. Xunto a del figuran as sinaturas de outras 179 familiares de vítimas de 12 das 18 familias localizadas até o momento. Entre elas, María Nelly e Elisa -fillas de Gaspar Fernández Pérez, preso asturiano de Pravia falecido o 4 de xuño de 1938-, e Josefa -filla de Marcelino Fernández García, asturiano de Xixón fusilado en San Breixo o 22 de setembro de 1939.

O Comité elixiu precisamente a data do 22 de setembro para presentar o escrito apoiado polas familias en honra dos 7 asturianos fusilados na mesma data en 1939 e cuxas historias permitiron iniciar os traballos para a exhumación da fosa e, ao mesmo tempo, os da localización de familiares até que marzo de 2025 se inaugurou o memorial Os 90 de San Breixo, que supuxo o primeiro paso para o recoñecemento do espazo como Lugar de Memoria en Celanova.

Os feitos históricos que fan de San Breixo un Lugar de Memoria son os seguintes:

  • Documentáronse 90 enterramentos de vítimas da represión fascista entre 1936 e 1943. A investigación segue aberta dado que hai un período de dezaseis meses, entre setembro de 1936 e decembro de 1937 no que non apareceron soterramentos de vítimas.
  • As 90 vítimas corresponden a distintas tipoloxías: paseados (2 homes), fusilados no muro do camposanto (7), falecidos na Prisión Central por enfermidade (77), asasinados por disparos dos gardas na Prisión (3) e asasinados polas forzas de represión da ditadura (1).
  • A represión foi continua durante o período de 8 anos, coa seguinte distribución de vítimas: 2 en 1936; 14 en 1938; 17 en 1939; 12 en 1940; 24 en 1941; 14 en 1942; e 7 en 1943. A maioría das vítimas cumprían condena na Prisión (80), os 7 asturianos viñeron desde Camposancos con pena de morte e foron fusilados -outros presos foron 13 fusilados no Campo de Aragón e soterrados en San Francisco, en Ourense-, as dúas vítimas paseadas eran veciños de Ourense, os irmáns Emilio e Manuel Fuentes Canal, e o guerrilleiro cazado por forzas franquistas en 1943 era o monfortino Ramón Yáñez Pereira.
  • En canto á procedencia das vítimas, a maioría dos soterrados eran asturianos (ou naturais doutras provincias, mais asentados en Asturias. Foron 43, desde Juan Bueno Sordo, morte rexistrada en febreiro de 1938, até Donato Teijido López, falecido en xullo de 1942. Destes 43 localizáronse até hoxe 9 familias; é dicir, a metade das localizadas.
  • O segundo grupo de vítimas máis numeroso corresponde aos andaluces, todos da provincia de Xaén: un total de 10. Desde Domingo Cervera Valverde, veciño de Alcalá la Real falecido o 30 de xaneiro de 1941, a Francisco Moreno Medina, veciño de Jimena, asasinado por disparos dun garda o 20 de xaneiro de 1943. En total, foron documentados 240 presos xieneneses na Prisión Central, a maioría chegaron nun continxente procedente da Prisión de Burgos en outubro de 1940.
  • O terceiro grupo por número de vítimas é o dos galegos. Ademais dos asasinados, os Fuentes Canal e o Yáñez Pereira, foron soterrados en San Breixo, Benito Bello Fernández, veciño de Cenlle, falecido o 14 de xaneiro de 1938; Manuel Faría, súbdito portugués, canteiro e veciño de Luíntra, o 25 de agosto desde mesmo ano; Domingo Mantilla, natural de Sober e veciño de Ribadavia, factor na estación de tren que se destacara na resistencia ao golpe de Estado e falecido en Celanova o 26 de setembro de 1939; e Enrique Senra Fernández, natural do Val na parroquia de Loureda, Arteixo, que fora xulgado en Oviedo e morreu na Prisión Central de Celanova o 23 de abril de 1941.
  • O estudo fundamental sobre a Prisión Central de Celanova no que se ofrece a primeira relación de vítimas (80) e base de todas as investigacións posteriores é o do profesor da Universidade de Vigo, Domingo Rodríguez Teijeiro, publicado en 1999, “Longa noite de pedra no Mosteiro de San Salvador. Represión e reclusión en Celanova, 1936-1943”.
  • No ano 2007 Faro, S.A. e a TVG produciron o documental “San Salvador. Presos en Celanova”, dirixido por Patricia Nogueira, no que se recolle o testemuño dun dos presos, Elixio Rodríguez, que anos antes publicara as súas memorias: “Matádeo mañá. Memorias dun aviador republicano entre a guerra e o exilio”.
  • Como resultado da exhumación da fosa dos 7 asturianos en 2002, o Ministerio de Presidencia e Memoria Democrática publicou en febreiro do 2023 o libro “Investigación histórica, exhumación y análisis de los restos de la fosa de Celanova. La fosa de los asturianos” (dispoñíbel en PDF e en papel a través da Tenda del BOE).
  • Finalmente, o 23 de marzo de 2025, Celanova rendeu unha homenaxe aos falecidos e a todas as vítimas da represión na Prisión Central e en toda a comarca nos que participaron, entre outros, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz; o catedrático de Historia Contemporánea da USC e Coordinador do Plan de Memoria Democrática de Galicia, Lourenzo Fernández Prieto; o Sub-delegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos Martínez; o Fiscal Xeral do Estado, Álvaro García Ortiz; o Consejero de Ordenación de Territorio, Urbanismo, Vivienda y Derechos Ciudadanos do goberno do Principado de Asturias, Ovidio Zapico González; o Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; e o alcalde de Celanova, Antonio Puga. Tamén tomaron parte familiares de Gaspar Fernández, Ángel Santos, Abelardo Suárez, Baldomero Vigil-Escalera, Marcelino Fernández, Victoriano Fernández Moreno, Gerardo Tovar, Victoriano López, Francisco Moreno e Constantino Tuero Amandi, entre as 17 familias de vítimas localizadas até ese momento. Nesa data inaugurouse no camposanto o memorial Os 90 de San Breixo.

Unha vez completados os trámites e á espera de que o inicio da incoación do expediente por parte do Ministerio, para o cal hai un prazo legal de doce meses, o Comité concentrará os seus esforzos en conseguir que se realice a toma de mostras do ADN á un membro de cada unha das familias localizadas e interesadas en continuar as investigacións na procura dos restos dos seus. Nesta tarefa contamos co apoio do forense Fernando Serrulla, impulsor da intervención na fosa dos asturianos en Celanova que rematou coa entrega de restos dos seus a tres familias.


memoria histórica /