Ana Pontón apela á rebeldía e o inconformismo da mocidade para acadar unha Galiza na que teña futuro
Anima a seguir o exemplo de Castelao e Rosalía na “loita nobre das ideas” para lograr un País no que a xente moza poida facer o seu proxecto de vida.

A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou á rebeldía e o inconformismo da xente moza para lograr “unha Galiza na que a mocidade teña futuro”, no acto que cada ano organiza Galiza Nova na véspera do Día da Patria en recoñecemento das figuras de Castelao e Rosalía de Castro e no que tamén participou Marta Gómez, secretaria xeral da organización xuvenil do BNG.
“Só quero pedirvos que non deixedes nunca de ser inconformistas e que lembredes sempre que sodes a nosa esperanza”, pediu Pontón á xente moza, a que animou a seguir a estela de Castelao e Rosalía na “loita nobre e leal das ideas” que, como dicía o primeiro, “é o que asegura o progreso”.
E defender hoxe o progreso é sinónimo de defender as ideas do nacionalismo, as que empezaron a xerminar coa xeración de Rosalía, agromaron coa de Castelao e florecen co BNG, alegou, para amosar a continuación o “orgullo” de ser do Bloque, porque é unha forza política diferente ao resto.
Diferente, explicou, porque é nacionalista, o que significa defender ante todo a Galiza, polo seu carácter asembleario, onde quen decide é a militancia, e porque o BNG non participou nunca nin participa agora das prácticas golfas e corruptas do bipartidismo e a monarquía.
“Non somos como as demais forzas que se din estruturais e baluartes do sistema, non somos nin queremos selo e a moita honra”, afirmou para reivindicar o traballo honesto e decente da organización nacionalista “no medio da crispación e da lameira política” que chega de Madrid. “Tan diferentes que en 40 anos de historia non temos a ninguén manchado pola corrupción”, remarcou.
A portavoz nacional afondou na “outra forma de facer política” que demostra o Bloque, desde a valentía para tomar as decisións que hai que tomar –“aínda que molesten aos poderosos”, remarcou–, desde a honestidade e a decencia, e “sempre, sempre, traballando polo ben común”.
Pese a esas outras prácticas corruptas “que repugnan”, subliñou que “non é momento de caer no desánimo, nin de baixar os brazos”, porque “iso é precisamente o que buscan os que queren que nada cambie”.
“Non imos caer no desánimo, nin ante prácticas corruptas, nin ante actitudes que son indignas, como as do presidente da Xunta, o señor Rueda, encubrindo un presunto agresor sexual durante meses ao que despide entre abrazos e aplausos como se se tratase dun heroe, cuestionando a denuncia da vítima”, criticou. “Que saiban que non imos rendernos nunca, e menos cando se trata da defensa dunha Galiza de mulleres libres e iguais”, recalcou.
Pontón advertiu que os que queren ver a unha cidadanía desanimada e desmobilizada son os mesmos que “venden Galiza a prezo de saldo”, referíndose a “ese Partido Popular das portas xiratorias que pon o goberno da Xunta ao servizo dunha presa de multinacionais” ou que quere impoñer “a macrominería contaminante, o espolio eólico ou unha macrocelulosa no corazón do rural”. “Que saiban que non imos rendernos nunca e que pararemos a bomba ambiental de Altri”, afirmou.
A líder nacionalista denunciou que tamén son eses mesmos os que queren que o galego sexa unha lingua de segunda e o levaron á situación de “emerxencia lingüística” na que se atopa nestes momentos, os que fixeron da vivenda “un ben para especular” ou os que recortan dereitos e liberdades, cando falan, por exemplo, de “neutralidade ideolóxica” no ensino, cando “queren silenciar a capacidade crítica” para impoñer “a verdade única”. “A verdade de telexornal do Partido Popular”, sintetizou.
“Que saiban que non van lograr que baixemos os brazos, que non imos rendernos nunca cando se trata de defender unha Galiza onde a mocidade teña futuro porque imos seguir adiante na loita nobre e leal das ideas, seguindo o exemplo de Rosalía e de Castelao, cun sorriso na boca e coa man tendida, loitando sempre pola liberdade e o futuro de Galiza”, incidiu.
E, nos tempos que corren, alegou, defender o progreso é tamén denunciar as atrocidades que se están cometendo contra o pobo palestino, con máis de 70.000 persoas asasinadas, a maioría nenos e nenas e mulleres, e aos que hai que sumar agora as miles de persoas que morren pola fame, pola falta de auga ou pola carencia de medicamentos.
“En Gaza estáselle poñendo o último cravo ao cadaleito dos dereitos humanos, coa complicidade dunha comunidade internacional, dunha UE que sabe o que pasa e non fai nada para evitalo”, recriminou a unha Unión Europea “cómplice” cun xenocidio palestino que o BNG vai seguir denunciando. “Seguimos ao lado da decencia que hoxe é dicir Palestina vencerá, desde o río até o mar”, afirmou.
Neste sentido, indicou que, hoxe en día, defender o progreso é tamén defender a paz fronte á escalada belicista e armamentística que pon en risco dereitos e servizos públicos, xa que “a máis gasto militar, menos gasto social”.
“Por iso dicimos que a paz non se constrúe con máis gasto militar, que non chega con cuestionar o 5% de gasto militar que queren impornos, hai que ir máis alá, hai que saír da OTAN, que non é máis que un instrumento de guerra ao servizo dos intereses xeopolíticos de EEUU”, defendeu para concluír reafirmando a posición pacifista do BNG.
Pola súa parte, a secretaria xeral de Galiza Nova, puxo en valor o traballo da militancia da organización xuvenil e reivindicou unha VII Semana da Patria de récord, con máis de 70 actividades por todo o País nesta última edición.
«Grazas por esta semana que encheu o noso país de orgullo, de ilusión, de nacionalismo e de esperanza; dende Tui a Ribadeo, dende Carballo a Monterrei, erguemos a nosa bandeira, a das causas xustas, a que nos representa para demostrar que a mocidade galega non se resigna, non se deixa esmagar e está orgullosa da nación viva que somos”, subliñou Marta Gómez, nun acto no que tamén participou Gabriel Abilleira, militante recente de Galiza Nova.
“O que nos deixaron Rosalía e Castelao foi moito máis ca unha obra, deixáronnos un camiño; un camiño que, quen comezamos na militancia, temos que aprender a andar: ser a voz do pobo, defender os seus dereitos, acompañalo nas súas loitas», rematou Abilleira.