Redacción •  Galicia •  25/06/2025

Posición do BNG perante a agresión ao Irán

Facemos un chamado ao conxunto das galegas e galegos a expresar o masivo rexeitamento do noso pobo a esta escalada belicista, participando das mobilizacións contra a guerra convocadas pola Plataforma Galiza pola Paz para esta quinta feira 26 de xuño. Diante do risco de que se nos acabe introducindo nunha nova guerra inxusta, dicimos alto e claro: NON NO NOSO NOME! NON Á GUERRA!

Posición do BNG perante a agresión ao Irán

O ataque coordinado entre o estado sionista de Israel e os EUA en contra do Irán, supón un agravamento da escalada bélica no Oriente Medio e representa unha ameaza directa á paz e a seguranza a nivel internacional. Estes ataques son, máis unha vez, unha acción unilateral, contraria ao Dereito internacional e unha flagrante violación da Carta das Nacións Unidas. E engádense as agresións imperialistas xa emprendidas contra A Siria, O Iemen e O Líbano, inseridas dentro dunha estratexia de terror e destrución que ten no brutal xenocidio en curso en Gaza e a limpeza étnica e réxime de apartheid no conxunto da Palestina o seu maior expoñente.

Estas accións criminais, que ademais atinxen elementos críticos en termos de seguranza como instalacións de tipo nuclear, encádranse dentro dunha escalada militarista e belicista, coa que os EUA como potencia imperialista tenta resolver a súa crise de hexemonía derivada do agromar dun incipiente mundo multipolar, coa emerxencia doutros actores e bloques que ameazan o seu control mundial.

A Unión Europea, pola súa falla de resposta, e a OTAN pola súa complicidade permanente, demóstranse instrumentos subordinados aos intereses imperialistas dos EUA e da súa industria da guerra, como acredita a esixencia dun irracional e antisocial aumento do gasto militar e armamentístico ao que nos opoñemos con toda a firmeza.

O Bloque Nacionalista Galego, desde a coherencia cos seus principios pacifistas e antiimperialistas, rexeita esta nova agresión militar e esixe accións decididas en favor da paz. Unha paz que ten no respeito aos dereitos humanos e a soberanía dos pobos a súa condición de posibilidade, apostando nunhas relacións multilaterais asentadas na diplomacia, a cooperación e o diálogo.

Esiximos, por tanto, do Goberno español que non participe nin directa nin indirectamente desta escalada belicista e manteña unha posición de neutralidade activa, demandándolle que impida o uso do seu espazo aéreo e das bases militares instaladas no Estado para este tipo de accións, como paso previo a súa definitiva anulación, así como adoptar medidas de repregramento de unidades militares como a fragata Méndez Núñez.

Aliás, reiteramos o noso reclamo de abandonar unha OTAN que actúa como brazo armado do Imperialismo e representa unha clara ameaza contra os pobos, a paz e a seguranza. Demandamos tamén do Goberno galego que actúe e se posicione nestes mesmos termos, en favor da desescalada militar e da paz.


BNG /